O Entroido de Ponte Caldelas desdóbrase: baixo teito en inverno, na rúa no verán

Ponte Caldelas
17 de xaneiro 2018

Ponte Caldelas, ante o éxito do Entroido de verán do pasado ano, optou por desdobrar esta festa. Así, haberá unha festa baixo teito no inverno e o tradicional desfile na rúa será en xuño. Buscan así que as previsións meteorolóxicas non frustren as actividades previstas.

Entroido de verán en Ponte Caldelas
Entroido de verán en Ponte Caldelas

Ponte Caldelas, ante o éxito do Entroido de verán do pasado ano, optou por desdobrar esta festa. Así, haberá unha festa baixo teito no inverno e o tradicional desfile na rúa será en xuño. Buscan así que as previsións meteorolóxicas non frustren as actividades previstas. 

O Entroido de inverno, coa festa de disfraces para toda a familia, chegará o sábado 10 de febreiro no local da discoteca Reivy, a cuberto das posibles circunstancias meteorolóxicas. 

Comezará ás 18.00 horas e contará coa actuación do grupo musical "3.com". O Concello pide que todos os asistentes acudan disfrazados e, ademais, recalca que haberá cotillón e moitas sorpresas.

O Entroido de verán terá como eixe central o desfile, que dará comezo ás 21.00 horas. Está fixado para o sábado 16 de xuño,  pero en caso de choiva habería marxe para atrasalo á seguinte fin de semana. Terá o percorrido habitual con saída dende o paseo da Calzada e remate na contorna da Alameda.

Estase a traballar na posibilidade de incrementar os premios para grupos, comparsas, parellas e individuais, pero a principal novidade chegará coa introdución dun premio para a mellor "drag queen", co obxectivo de potenciar o espectáculo.

Ademais, o goberno local decidiu tamén crear un premio especial para o mellor disfraz entre o público, é dicir, entre as persoas que presencien o desfile, co obxectivo de incentivar o ambiente na rúa.

Ao remate, en torno á medianoite, dará comezo a gran verbena coa que se prolongará a festa ata que o corpo aguante. Tras un primeiro pase da orquestra entregaranse os premios aos gañadores das diferentes categorías no propio escenario.

O alcalde, Andrés Díaz, subliña que Ponte Caldelas atopou un formato idóneo para celebrar o Entroido, evitando as incomodidades meteorolóxicas que adoitan castigar esta festa e creando un evento que é quen de atraer a moitos visitantes.

Arquivado en