O Entroido de Poio repartirá 3.700 euros en premios

Poio
10 de febreiro 2020

O prazo de inscrición abriuse este luns e permanecerá operativo ata o vindeiro 18 de febreiro, se ben a veciñanza que aposte por participar a nivel individual ou por parellas poderán anotarse o propio día do desfile (23 de febreiro), no Pazo Besada, entre as 15.30 e as 16.15 horas

Desfile do Entroido de Poio
Desfile do Entroido de Poio / Diego Torrado

O Concello de Poio abriu este luns o prazo de inscrición para participar no Desfile de Entroido do vindeiro 23 de febreiro, na que será unha das grandes citas da extensa programación. Os interesados en tomar parte na actividade teñen ata o día 18 para anotarse.

Como xa é habitual, haberá premios para os mellores disfraces en diferentes categorías e subcategorías. En total, a Concellería de Cultura e Educación destinará 3.780 euros aos tres primeiros clasificados. Ademais, haberá un galardón pola animación especial, cuxo primeiro premio será de 200 euros, por 155 o segundo e 110 o terceiro. As outras tres categorías principais son adultos, infantil e especial choqueiro. Neste último, o premio individual será de 165 euros, o de parellas de 195 e o de grupos 280. Tanto nenos como maiores terán oportunidade de inscribirse nestas tres subcategorías.

No caso dos rapaces (ata 14 anos), os tres primeiros premios individuais serán de 110 euros, 85 e 60, respectivamente. As contías serán maiores no caso das parellas (150, 110 e 65 euros) e dos grupos (240, 195 e 150 euros). En canto aos adultos (maiores de 15 anos), a fórmula será a mesma. Deste xeito, os tres mellores disfraces individuais levaranse premios de 165, 110 e 65 euros, mentres que as parellas mellor valoradas optarán a 195, 150 e 110 euros. Por último, os tres grupos máis valorados polo xurado gañarán 280, 240 e 195 euros, respectivamente.

As bases establecen que os grupos deberán estar compostos por un mínimo de cinco integrantes, que deberán gardar unha unidade temática, podendo ir acompañados de carrozas ou plataformas móbiles. As parellas, pola súa banda, terán que presentar unha mesma unidade temática. O xurado estará presidido pola concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e por membros da Comisión de Educación, Cultura e Deporte. Á hora de conceder os premios valoraranse criterios como o vestiario, a orixinalidade, as coreografías, o ritmo, a animación ou a estética.

O Concello informa de que as carrozas ou plataformas móbiles deberán contar obrigatoriamente cun extintor na cabeza ou vehículo tractor.

O desfile partirá da Avenida da Porteliña ás 17.00 horas, se ben o punto de encontro quedará fixado 60 minutos antes no Pazo Besada. As persoas que se inscriban nas subcategorías de individual ou parellas poderán facelo o propio día da cita, entre as 15.30 e as 16.15 horas. A comitiva chegará ata Avenida de San Xoán, previo paso por Encoirados, e rematará nas inmediacións do Xulgado de Paz, onde de se procederá á entrega de premios.

A concelleira de Cultura anima aos veciños a participar neste desfile e lembra que a programación estrearase o venres 21, ás 18.00 horas, coa primeira edición da Festa da Filloa, na Praza do Mosteiro. 

 

Arquivado en