O Entroido de Poio celébrase esta fin de semana. A programación para este venres mantense, coa festa familiar e a pasarela de Entroido na carpa instalada na Seca, mentres que o desfile principal de Entroido cambia de día polas previsións meteorolóxicas e finalmente se realizará este domingo, 3 de marzo, co mesmo horario e percorrido.
A primeira cita é este venres coa festa familiar de Entroido, coa actuación da Gran Barafunda Animación, que comeza a partir das 18.00 horas na carpa instalada na Seca. E xa ás 21.00 horas, no mesmo lugar, comezará a Pasarela coa exhibición de comparsas locais e convidadas, entrega de mencións especiais e animación musical coa discoteca móbil Dolce Vita.
O desfile de entroido celebrarase, polo tanto, o domingo, con saída desde a Biblioteca Municipal e remate do percorrido na Praza da Granxa, en Campelo. Alí será o fin de festa matinal con animación musical e entrega de premios aos mellores disfraces. Os participantes en categorías infantil e por parellas aínda están a tempo de participar no concurso, xa que poden anotarse o propio día, na contorna da biblioteca, entre as 9.30 e as 11.00 horas.
OPERATIVO ESPECIAL DE TRÁFICO
O domingo, con motivo do Desfile de Entroido entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa, o tráfico permanecerá pechado en todo o traxecto entre as 10.30 e as 15.00 horas. Quedarán cortados os accesos desde a PO-308 cara rúa Castelo, que se desviará cara o Camiño Real do Casal e só poderán acceder cara Campelo os participantes no entroido. Tamén haberá corte de rúa desde o Porto de Campelo cara a Rúa Padre Avelino e en Pedro Soto Couselo desde Camiño Zapateiro cara a Praza da Granxa.
Ademais, queda prohibido estacionar en todo o percorrido. Con todo, a véspera ao desfile quedará colocada a sinalización de restrición no percorrido. Tanto os residentes como visitantes poderán acceder pola rúa Anafáns ou por Lourido ata os estacionamentos disuasorios.