O venres 21 de febreiro comeza o Entroido de Poio cunha novidade. Este ano a Praza do Mosteiro acollerá, a partir das 18:00 horas, a Festa da Filloa, que incluirá, ademais de degustacións gratuítas, actividades para os máis cativos e bailes. Habilitarase unha carpa nas inmediacións do Concello para dar cabida a estas iniciativas. A programación do entroido no municipio se prolongará ata o 15 de marzo.
O domingo 23, a cita será co Galo Fodorico Agusto Bastante, na que a cidadanía poderá desvelar o disfraz da coñecida figura. A saída está prevista para as 17:00 horas desde a avenida da Porteliña, en San Salvador, e finalizará entre o cruce do Casal e Gráficas Anduriña, en San Xoán. Polo de agora, xa está confirmada a participación de varios grupos, ademais de comparsas e colectivos emblemáticos como Os Canecos, o Grupo Samieira, As Sonecas e os 100tolos.
As persoas interesadas en participar nos certames de disfraces individual e de parellas aínda poderán anotarse entre as 15:30 e as 16:15 horas do propio día da cita, tanto en categoría de adultos como a programada para os máis cativos. En total, a organización repartirá máis de 3.700 euros en premios, que irán destinados aos mellores deseños destas opcións, e tamén para a mellor animación especial e choqueiros. As contías oscilarán entre os 280 e os 65 euros, en función das subcategorías. O xurado estará presidido pola concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez e por membros da Comisión de Educación, Cultura e Deporte.
Esta non será a única cita do domingo 23, xa que, pola mañá, a veciñanza de Samieira gozará co Desfile do Galo Bruxo, que non será enterrado ata o 14 de marzo. Para o día 7 queda fixada a despedida a Fodorico, que sairá do Sartal e Chegará á Praza do Mosteiro ás 20.00 horas. Haberá unha gran chocolatada e a tradicional Festa Choqueira. O fin do Entroido será na vila de Campelo o domingo 15 de marzo, co Concurso de Comparsas e Grupos de Fantasía, desde as 17:00 horas. As inscricións permanecerán abertas entre o 3 e o 11, no Rexistro Municipal ou na sede electrónica do Concello de Poio.
A programación tamén inclúe un gran número de actividades organizadas por diferentes colectivos e agrupacións locais, coa colaboración do Concello. Este é o caso dos enterros do Mexillón de Combarro que vaise celebrar o 28 de febreiro ou do Berberecho de Lourido, o 6 de marzo, ambos ás 20:30 horas.
Ademáis, a Concellería de Benestar Social e Mocidade impulsa ‘Trouleando’, unha actividade pensada para nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, que se desenvolverá durante as mañás dos días 24, 25 e 26 de febreiro, entre as 9:00 e as 14:30 horas. As sesións serán na Casa Rosada, onde os rapaces terán oportunidade de realizar diferentes manualidades, xogos en grupo e gozar coa música e a cociña divertida, todo en clave de Entroido. As anotacións poden realizarse no propio centro social poiense. A cuota será de 18 euros, se ben existe a posibilidade de apuntarse a sesións individuais polo prezo de 6 euros.