O Entroido de Marín xa se respira no ambiente da vila. Esta semana, comeza unha programación completa, pensada para o goce de todos os públicos, que continúa coas tradicións entroideras da vila e que pretenden ser un referente na comarca.
Este martes, 18 de febreiro, ás 20.00 horas terá lugar a inauguración da exposición fotográfica de Julio Santos sobre o Enterro da Sardiña no local do Ateneo Santa Cecilia (ata o 29 de febreiro). E o venres, 21 de febreiro, ás 20.00 horas, a conferencia sobre os Entroidos do Morrazo, de Cobres e do Hío no Museo Torres, a cargo de Mario Soto e Anxo Rosales. Este mesmo venres ás 21.30 horas haberá Cantos de Taberna polos bares de Marín.
O sábado, 22 de febreiro, comezan ás 15.30 horas as inscricións para o Desfile Infantil, no Palco da Música da Alameda. Ás 16.30 horas arranca o Desfile Infantil polas rúas Real, Praza do Reloxo, Sol, Doutor Touriño, Busto de Abaixo e Jaime Janer. Ao rematar haberá animación infantil. E para repoñer forzas, ás 18.00 horas está prevista unha degustación popular de filloas na Alameda.
O domingo, 23 de febreiro, haberá ás 12.30 horas unha concentración das comparsas marinenses na Alameda de Rosalía de Castro. E pola tarde, ás 16.00 horas se concentrarán os participantes no Desfile de Adultos na Praza do Regueiro para saír todos xuntos ás 17.00 horas no Gran Desfile de disfraces e carrozas. O itinerario previsto é: Praza do Regueiro, Avenida de Ourense, Praza de España, Almuíña, Jaime Janer, Concepción Arenal e Parque Eguren.
O luns, 24 de febreiro, ás 12.00 horas será a Festa do Merengue na Lameiriña, acompañados por Pousos da Area. E o martes, 25 de febreiro, ás 17.00 horas a Festa Infantil no Multiusos da Praza de Abastos con música, sorteos, animación e chocolatada. E ás 20.00 horas o concurso de filloas e orellas, con entrega de premios no local do Ateneo Santa Cecilia.
O mercores, 26 de febreiro, ás 17.00 horas comeza o velorio no Palco da Música. O Enterro da Sardiña será ás 20.00 horas con saída da rúa Jaime Janer, baixada polo Busto, Doutor Touriño e Rúa do Sol, ata chegar á Praza do Reloxo, onde terá lugar o pregón. Ao rematar, saída pola Rúa Real, Almuíña, Praza de España e despedida ao mar.
Para o sábado, 29 de febreiro, ás 17.00 horas está prevista a actuación da Charanga Noroeste polas rúas de Seixo. Ás 17.30 horas será desfile que irá das inmediacións da gasolineira ata a Alameda de Seixo. Baile de disfraces a partir das 18.00 horas.
O domingo, 8 de marzo, ás 12.00 horas haberá degustación do Bolo do Pote a cargo de Pousos da Area e Urralas olas con xogos populares, a cargo da Asociación Cultural Santo Tomé de Piñeiro, na Alameda.
E finalmente, o domingo, 22 de marzo ás 17.00 horas chega o Entroido de San Xulián con saída desde San Pedro ata O Igrexario.