Na súa busca de converter o Entroido de Cobres en Fiesta de Interés Turístico Nacional, o Concello de Vilaboa e a Asociación Cultural Cobres presentaron este venres a nova imaxe de marca e a web propia coa que a festa tradicional avanzará na súa promoción nacional e internacional, cumprindo así parte dos requisitos imprescindibles no expediente.
A maiores, e partindo de que o evento xa ten a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia, a web do Entroido está dispoñible en tres idiomas, ten accesibilidade para persoas xordas e cegas, cumple coa linguaxe inclusiva e recollerá toda proxección nacional e internacional deste evento.
Trátase dun proceso que terá un mínimo de dous anos, tal e como adiantaron o alcalde de Vilaboa, César Poza, e a concelleira de Promoción Económica, Carmen Gallego. "É un expediente complexo e son moitos os parámetros que temos que cumprir antes de presentar a solicitude no Ministerio que corresponda coa ilusión de que este Entroido conte con esa distinción especial", explicou Gallego.
De feito, da man da Asociación Cultural de Cobres, a festa chegará a vindeira semana a Portugal e en xaneiro a Fitur tras recibir o premio Emilia Pardo Bazán de Turismo.
En canto á imaxe de marca do Entroido, o gorro é o elemento principal, combinando o compromiso coa tradición, apelando á vez á festa e á diversión. Nela pódense ver de xeito claro os ornamentos, as formas xeométricas na cultura castrexa galega e o escudo do Concello que presenta a historia e o entorno xeográfico de Vilaboa.
Por outra parte, as cores do Concello de Vilaboa non só representan a contorna senón que tamén aportan un aire festivaleiro á mesma marca. O sombreiro leva ao espectador a asociar de forma rápida e sinxela o Entroido de Cobres, segundo os representantes do goberno local e da Asociación.