A sesión plenaria celebrada este luns en Vilaboa acordou por unanimidade iniciar os trámites para a declaración do Entroido de Cobres como Festa de Interese Turístico Nacional, unha catalogación que corresponde outorgar ao Ministerio de Industria, Comercio y Turismo.
A proposta parte do goberno local ao considerar que o Entroido de Cobres é merecedor da protección, promoción e proxección que conleva esta distinción honorífica e que suporá un paso máis na posta en valor dun festexo que conta no seu haber coa catalogación de Festa de Interese Turístico de Galicia desde 1999.
O alcalde de Vilaboa, César Poza, recorda que o Entroido de Cobres é unha manifestación cultural de larga tradición popular, que ten unha grande importancia como atractivo turístico e que forma parte do patrimonio inmaterial de Vilaboa, posto que a súa celebración foise pasando de xeración en xeración mediante, fundamentalmente, a cultura oral.
O arraigo desta festa na localidade amósase ano a ano coa participación da veciñanza e das xentes da contorna, nun dos actos máis sobresaíntes, que é a "corrida do galo".
As orixes deste entroido remóntanse ata o século XVIII. Madamas, galáns e "aldeanos" representan distintas posicións económicas e roles sociais, tanto mediante as súas vestimentas como polo lugar que ocupan nos pases, bailes e exhibicións.
Os "aldeanos", traballadores humildes, van vestidos de distintos oficios mentras que as madamas e galáns levan sempre roupa branca cuberta de encaixes, cintas de cores, abalorios, xoias, etc. Destaca neles o seu grande e vistoso sombreiro feito a man, que combina cor e flores naturais, chegando apesar entre 6 e 8 kilos. E sempre, coa cara descuberta.
Durante o entroido percorren todas as parroquias de Vilaboa acompañados por unha charanga e animando as rúas coa popular Danza de Cobres.
Para César Poza o Entroido de Cobres é "orixinal, vistoso e singular" e considera que "merece a pena velo polo menos unha vez na vida".
"Este recoñecemento, para o que demos o primeiro paso coa aprobación en pleno, vaille dar un pulo de visibilidade ao noso Entroido que, sen dúbida, é un dos principais activos turísticos cos que conta Vilaboa", apunta o alcalde.