O Concello de Bueu repartirá 2.750 euros entre todas as categorías participantes nas actividades de Entroido deste ano, tanto no Enterriño da Sardiña, que se celebrará o 1 de marzo ás 17.00 horas, como no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, que terá lugar o 5 de marzo a partir da mesma hora.
O Concello vén de publicar as bases dos premios e, entre as novidades máis importantes, está o incremento nas contías económicas dos premios, que se duplicaron con respecto ao ano pasado.
Para o Enterriño da Sardiña, poderán participar todos aqueles grupos e comparsas de Bueu que realicen o percorrido oficial do desfile e se inscriban previamente para a participación no mesmo. Segundo establecen as bases, entenderase como grupo todos aqueles colectivos constituídos como mínimo por tres persoas, con maioría de representación infantil/xuvenil, que elaboren un disfrace cun mesmo tema para os seus compoñentes.
As bases e os formularios de participación estarán dispoñibles na páxina web do Concello de Bueu. As inscricións estarán abertas ata o mércores 1 de marzo ás 14.00 horas, e haberá tres premios: 1º premio, dotado con 300 euros, 2º premio, de 200 euros, e 3º premio, de 100 euros.
No tocante ás bases do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro, establécese que poderán participar todas aquelas persoas ou grupos que realicen o percorrido oficial do desfile e que se inscriban previamente.
Neste caso, incrementáronse as categorías: para as comparsas de Bueu, que se recupera este ano, haberá tres premios, dotados con 300 euros, 275 euros e 250 euros; para os grupos de baile a música, outros tres, cunha dotación de 300 euros, 200 euros e 100 euros, respectivamente; no caso das carrozas, que se inclúen por vez primeira este ano, os premios son de 200 euros, 150 euros e 100 euros; as parellas poderán optar a tres premios de 75 euros, 50 euros e 25 euros; e as individuais, a dous, de 75 e 50 euros.