O Entroido chegará este ano a Sanxenxo con nove días de festa. A programación terá un anticipo o día 30 de xaneiro cunha festa de precarnaval organizada pola Asociación Cultural O Cubreiro baixo o nome 'Sanxenxo Mafia'.
O 7 de febreiro está programado o Desfile e Concurso de Disfraces Infantil que percorrerá o centro urbano entre a avenida Luís Rocafort e a Praza dos Barcos a partir das 17.00 horas. Os interesados en participar poderán inscribirse ata o venres 5 de febreiro ás 14.30 horas no Pazo Emilia Pardo Bazán (986 727 936) ou o mesmo día na mesa que a organización instalará, entre as 15.30 e as 16.30 horas no local do Club de Xubilados de Sanxenxo, na rúa Luís Rocafort.
O concurso terá as categorías de parellas, disfraces individuais e grupos, con tres premios cada unha que en total suman 1.300 euros. En grupos haberá unha categoría para aqueles que teñan de 3 a 10 compoñentes e outra para máis de 10.
A programación terá outro día grande o 14 de febreiro co Gran Desfile que irá, como é habitual, desde Sanxenxo ata Portonovo. Partirá ás 16.30 horas da avenida Luís Rocafort e continuará polo Paseo de Silgar, Punta Vicaño, a estrada xeral e a rúa Rafael Picó ata chegar ao recinto portuario.
Ao concurso poderán concorrer todos os maiores de 16 anos nas categorías individual, parella, grupo de ata oito compoñentes, de nove a 20 integrantes, de máis de 20, así como á categoría fantasía que deberá estar composta por un conxunto de máis de 20 membros. E haberá tres premios para cada unha destas categorías, destinándose a este fin un total de 8.225 euros. A inscrición poderá formalizarse a partir do luns e ata o día 12 no Pazo Emilia Pardo Bazán ou o propio día do desfile.
O venres día 12 ás 22.30 h celebrarase no Porto de Portonovo o Espectáculo de Parodias con diferentes imitacións humorísticas e a actuación cómica Trimentes e o tradicional Enterro da Sardiña celebrarase o mércores 10 ás 20.00 horas da man da Asociación Amigos da Dorna de Portonovo e percorrerá ,como é habitual, as principais rúas de Portonovo para terminar no recinto portuario.
A Agrupación Veciñal de Vilalonga será a encargada de organizar o Enterro da Cabra, que terá lugar o venres 12, a partir das 21.30 horas na praza pública, percorrendo diferentes lugares da parroquia.
Ademais, o Concello de Sanxenxo abrirá este luns 25 o prazo de inscrición para participar nos Entroidiños. Os interesados en sumarse a esta actividade terán que apuntarse no Pazo Emilia Pardo Bazán ou chamando ao teléfono 986 727 936. Esta iniciativa de carácter gratuíto está dirixida aos nenos de entre 3 e 12 anos aos que trata de ofrecer unha alternativa lúdica durante as vacacións escolares.