Campañó foi este mércores o epicentro das actividades do Entroido de Pontevedra. Foino coa celebración da súa tradicional Corrida da Rosca, festa recuperada hai uns anos polos veciños desta parroquia pontevedresa.
As instalacións do hotel Campaniola acolleron esta divertida tradición, cuxas primeiras referencias nos libros de historia local datan da primeira década do século XX.
Os participantes, maioritariamente nenos e nenas da parroquia, participaron con disfraces do máis diverso, competindo en carreiras en liña recta para facerse co prezado premio: unha rosca de pan de trigo con ovos e rechea de chourizo.
O Entroido contou tamén este mércores coa recreación da botica de Perfecto Feijóo, na Praza da Peregrina, e coa segunda eliminatoria do certame de murgas, que volveu a encher o auditorio do Pazo da Cultura.