O enterramento do Galo Fodorico terá lugar o vindeiro sábado 5 de marzo. O cortexo fúnebre sairá ás 20:00 horas da Praza do Mosteiro ata a Praza de Arís, onde se procederá á lectura do pregón e á posterior incineración.
Participarán no enterro as comparsas municipais "Os Canecos", "Os 100tolos", o Grupo do Entroido de Samieira, comparsas e grupos convidados doutros lugares da comarca como "Flores del Carnaval", "Os da Caña", "Os Paparrulos", "Ponte a Bailar" e "Cor Café".
A vinculación e tradición do Concello de Poio co mundo do viño, fixo que este ano o Galo Fodorico quixese homenaxear aos vinicultores e reivindicar a denominación Rías Baixas para os cultivos da zona, xa que o Concello de Poio é un dos poucos municipios do contorno que non pertence a esta denominación.
O encargado de ler o testamento do defunto Fodorico será Xoán Cannas, presidente do instituto galego do viño, catador nariz de ouro 2004, copropietario do Restaurante Pepe Vieira e veciño de Raxó. A concelleira de Festexos, Lida Salgueiro, será a encargada de prenderlle lume, poñendo fin ao Entroido 2016.
No mesmo marco do Enterro do Galo Fodorico celébrase a V Festa do Choqueiro, tradición moi arraigada ao municipio e que reivindica o entroido tradicional do concello como se facía antigamente, onde os nenos saían á rúa disfrazados con roupas que se atopaban na casa e pedían os "pataquiños" polas casas do pobo.
Para participar nas diferentes categorías hai que ir disfrazados de choqueiro, cumprir todo o percorrido e inscribirse na Casa do Concello a partir das 19:30 horas do mesmo día. Haberá tres premios individuais, tres premios para parellas e un premio para grupos (de mínimo 5 persoas).
As persoas que se acheguen ao lugar poderán degustar comida típica da época de entroido (orella, chourizo…) por un prezo popular de 3 euros a ración. A festa estará amenizada pola actuación musical do Trio Acibeche.