O Entroido marinense celebrará este mércores de cinza o tradicional Enterro da Sardiña, organizado polo Ateneo Santa Cecilia.
O velorio comezará no palco da música na Alameda Rosalía de Castro a partir das 17:00 horas, e contará con seguemento en directo por parte das cámaras da Televisión de Galicia.
O Ateneo Santa Cecilia fai un chamamento á veciñanza marinense, de todas as idades, para que acuda a esta celebración ataviada de rigoroso loito, expresando as súas condolencias e a súa dor polo pasamento. Haberá pan de millo e viño a disposición do público para sobrelevar a pena.
Ás 20:00 horas comezará a procesión do Enterro da Sardiña, que este ano muda de itinerario. A comitiva fúnebre partirá dende o palco da música en dirección á rúa Jaime Janer, continuará pola rúa do Busto, Doutor Touriño e Rúa do Sol ata a Praza do Reloxo. Neste punto pronunciarase o sermón e, ao remate dos oficios protocolarios, a sardiña será conducida ata o mar seguindo a rúa Real, Almuíña e Praza de España, rematando no peirao.
Por outra parte, o mércores tamén remata -na sala de exposicións do Ateneo Santa Cecilia- a mostra dedicada ao Entroido, que está ambientada con palios, coroas, hábitos dos participantes na comitiva do Enterro da Sardiña e outros complementos fúnebres típicos desta cita. Canda estes materiais, destaca unha selección de fotografías realizadas polo artista local José Gago no Entroido de 2001.