O Enterro da Galiña pon o peche este sábado ó Entroido de Ribadumia

O Salnés
24 de febreiro 2023

A Asociación de Veciños San Andrés de Barrantes organiza este evento, que se celebrará o sábado 25 de febreiro, a partir das 19:00 horas, no Centro Social de Barrantes

Enterro da Galiña
Enterro da Galiña / Concello de Ribadumia

O Concello de Ribadumia remata esta fin de semana as festas do Entroido coa celebración do Enterro da Galiña organizado pola Asociación de Veciños San Andrés de Barrantes. O sábado 25 de febreiro, a partir das 19:00 horas, toda a veciñanza poderá achegarse ao Centro Social de Barrantes para participar nesta tradicional celebración no municipio.

Durante a xornada, velarase a galiña e desfilarase co seu cadaleito polas rúas de Barrantes. Será a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia a que poña a banda sonora nesta cita.

Tras o pasarrúas, celebrarase o concurso de disfraces, en que se entregarán 600 euros en premios para os mellores. Poderán participar todas as persoas que así o desexen, sen límites de idade, existindo neste certame tres categorías: individual, parellas e grupos.

Ás 21:30 horas, celebrarase unha laconada fraternal na honra da finada, seguida dun ‘Gran Baile de Entroido’, ás 22:30 horas, amenizado pola solista Ana Angueira.

Desde o goberno local anímase a toda a veciñanza do municipio e arredores a asistir a esta edición do Enterro da Galiña, así como a participar no concurso de disfraces. Para coñecer máis información sobre o concurso, pódense consultar as bases publicadas na web do Concello de Ribadumia ou no taboleiro municipal.