O primeiro microvídeo da campaña Efecto PO2 sairá á luz nos próximos días e o goberno local facilitou as primeiras imaxes desta iniciativa que busca a promoción de Pontevedra como espazo de recuperación e democratización do espazo público.
A primeira gravación que se poderá ver dentro desta proposta reflicte como unha persoa xubilada, despois de pasar toda unha xornada no salón da súa vivenda, sae á praza da Ferrería coma se fose unha prolongación do seu propio fogar. O traballo está realizado polos pontevedreses José Aragunde e Juan Barcia coa interpretación de Pilar Boullosa, actriz integrante da Aula de Teatro Municipal de Pontevedra.
Esta idea de realizar microvídeos forma parte da campaña de márketing e comunicación Efecto PO2, que promove a concellería que dirixe Anabel Gulías coa intención de mostrar o orgullo por un estilo de vida e de respecto polos espazos para a cidadanía e pola saúde dos habitantes do municipio.
Durante estes días pódense ver tamén as pintadas en dez puntos da cidade nas que figura a mensaxe -CO2 +PO2 e que permite aos viandantes xogar a eliminar o CO2 para que só permaneza o PO2.
Tamén están previstas, entre outras actividades, coloquios do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores con diferentes personalidades e cartelería específica para explicar que é este Efecto PO2 que permite promocionar a cidade como un lugar seguro con emisións reducidas, máis calidade de vida e tráfico acougado, referente para outros espazos urbanos internacionais.