A Xunta de Galicia e a empresa Coprosa asinaron este martes 21 o contrato para o inicio das obras do novo edificio xudicial de Pontevedra na Parda. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, apuntou que tras presentar a última documentación no Concello e á espera da licenza municipal, desde a administración autonómica agardan que comecen no mes de xullo os traballos no solar onde se vai a construír este novo inmoble, que se conectará por unha pasarela co actual-
Rueda cualificou esta data como un "día simbólico" despois dun longo proceso para a obtención dos terreos e das diferenzas mantidas durante dúas lexislaturas co Concello de Pontevedra.
O vicepresidente autonómico sinalou que en 21 meses, no ano 2018, estará en funcionamento este edificio cun orzamento próximo aos 17 millóns de euros. Luís Senén Merino, responsable de Coprosa, anunciou que nesta obra traballarán entre 100 e 150 persoas, que serán contratadas en Pontevedra. Entende que se trata dun proxecto brillante no que prima a luz e con dotacións que facilitarán o traballo xudicial e a dos visitantes. O edificio contará con dous aparcadoiros amplos e cinco plantas. Senén sinalou que tentarán acurtar os prazos na execución das obras pero admitiu que aínda non coñecen en que estado se atopan estes terreos próximos ás vías da estación de trens.
Rueda apuntou tamén que as novas instalacións permitirán que se centralicen neste edificio as actividades xudiciais que se atopan dispersas noutros inmobles e que exista espazo para acoller outros órganos xudiciais.Contará con máis de 20.000 metros cadrados e contará con espazo para albergar ata 25 unidades xudiciais. A Fiscalía e Penal permanecerán no actual edificio mentres que no novo van distribuirse outras especialidades.
VISIÓN DESDE O CONCELLO
A concelleira de Urbanismo, Carme da Silva, considera positivo este anuncio por parte da Xunta e que o Concello realizou unha gran achega económica para poder dispoñer dos terreos onde se vai a construír o novo edificio."Non son as campañas electorais os momentos máis apropiados para facer estes anuncios, pero como estamos de campaña electoral todo ano, virán máis momentos como este", apuntou a concelleira.
E tamén engadiu, con humor, que non van presentar unha denuncia ante a Xunta Electoral porque a Xunta de Galicia presente a documentación para iniciar as obras do edificio dos xulgados. Concluíu afirmando que se trata dunha obra moi esperada.