O edificio administrativo de Benito Corbal comeza a súa "segunda vida"

Pontevedra
17 de xuño 2019

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou a "segunda vida" deste remodelado espazo de 6.000 metros cadrados que acollerá as oficinas de emprego, asociacións e as instalacións da Universidade de Vigo. Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa satisfacción e dixo estar "contento" pola recuperación deste edificio

Inauguración do Edificio Administrativo da rúa Benito Corbal
Inauguración do Edificio Administrativo da rúa Benito Corbal / Mónica Patxot

A Xunta puxo este luns a disposición da cidadanía o novo edificio administrativo "moderno, cómodo e versátil" na rúa Benito Corbal "para facer de Pontevedra unha cidade mellor para vivir".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou a "segunda vida" deste remodelado espazo de 6.000 metros cadrados que acollerá as oficinas de emprego, asociacións e as instalacións da Universidade de Vigo. Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, amosou a súa "satisfacción" e dixo estar "contento" pola recuperación deste edificio.

O inmoble, que tempo atrás acolleu a sede territorial da Xunta en Pontevedra, conta agora cunha planta soto, cun salón de actos; cunha planta baixa onde se situará a Oficina de Emprego de Pontevedra Comarca; cunhas plantas primeira e segunda, onde se instalará a Oficina de Emprego de Pontevedra Concello e o Servicio Público de Empleo Estatal (SEPE); cunhas plantas terceira e cuarta, destinadas á cesión de asociacións e cunhas plantas quinta, sexta e sétima, que serán cedidas á Universidade de Vigo na súa totalidade, a través dun convenio de colaboración.

O orzamento total foi de preto de cinco millóns de euros.

O responsable do goberno galego lembrou que esta infraestrutura unirase este verán os novos edificios xudiciais da Parda, que contan cun orzamento de 20 millóns e a rehabilitación da Ponte da Barca, a estación intermodal de Pontevedra, ou o Gran Montecelo, que "segue avanzando" despois de que a pasada semana a Xunta aprobara o proxecto de expropiación dos terreos para a súa ampliación, e que será "un antes e un despois para os pontevedreses" que contarán cun servizo sanitario público "preparado para os vindeiros 50 anos".

Finalmente, Feijóo dixo estar convencido de que "non só se fai cidade construíndo novas edificacións" e sinalou que a administración autonómica seguirá rehabilitando e transformando instalacións xa existentes que reúnan as condicións para facelo, como por exemplo o Hospital Provincial.