O director de Forestais sinala que é un erro que todo o esforzo se centre na extinción dos incendios forestais

Pontevedra
13 de outubro 2017

O director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, afondou este venres nun dos principais problemas das masas forestais, os incendios, que no caso do noroeste da península, apuntou, constitúen "un problema relativamente estrutural"

Juan Picos e Juan Manuel Corbacho
Juan Picos e Juan Manuel Corbacho / Universidade de Vigo

O director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, afondou este venres nun dos principais problemas das masas forestais, os incendios, que no caso do noroeste da península, apuntou, constitúen "un problema relativamente estrutural", vinculado a factores como "a tradición do emprego do lume en áreas rurais, o incremento da biomasa vexetal e a existencia de períodos de seca".

O director de Forestais sinalou como "un erro que todo o esforzo se centre na extinción", e relatou nunha serie de medidas que poden contribuír á súa prevención, desde o uso do pastoreo a queimas prescritas "en épocas de baixo risco" ou accións de roza.

Pero, dada a elevada porcentaxe de lumes "nos que está involucrado o ser humano", este labor ten que abranguer tamén cuestións como a loita contra o abandono, xa que "por moito que digamos que facer, hai moitas masas forestais nas que xa non hai xente que as traballe", a valorización dunha "diversidade de produtos do monte", o traballo asociativo ou a "implantación efectiva" de seguros forestais.

SEMANA FORESTAL EUROPEA

Con motivo de la Semana Forestal Europea o director da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, Juan Picos, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, presentaron este venres na Casa das Campás, un informe co cumplimento por parte deste centro das medidas dirixidas a contribuír á transformación do sector forestal nunha economía verde.

A EE Forestal é a primeira facultade do campus en obter a certificación á implantación do seu sistema de garantía interna de calidade por parte da AXencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O documento presentado nesta xornada, explicou Picos, enumera algúns dos traballos desenvolvidos pola escola e o seu profesorado nos eidos investigador e formativo e a participación dos seus expertos en diferentes comités técnicos.

Así, no relativo ao consumo e produción sustentable de produtos forestais, salienta a renovación do laboratorio de transformación química da madeira, con novos equipamentos que permiten traballar na obtención de novos materiais baseados en madeira; o traballo desenvolvido polo grupo AF4 para un proxecto de apoio á certificación forestal para o Grupo Galego de Certificación Forestal e Cadea de Custodia ou o traballo cos outros cinco centros formativos e de investigación relacionados co sector que existen en Pontevedra.

Respecto do obxectivo dun sector forestal baixo en carbono, o documento sinala o labor da planta piloto de fabricación de combustibles densificados a base de biomasa e o laboratorio de enerxías xiloxeradas, a participación de investigadores no proxecto europeo Domoheat ou o proxecto sobre o cabalo galego do monte, financiado pola Fundación Biodiversidad, que desenvolveu o grupo AF4.

O fomento do emprego verde no sector é outro dos piares do plan, eido no que a escola destaca os estudos sectoriais que investigadores do centro desenvolven para diferentes entidades e institucións, así como a súa estratexia de mobilización internacional de alumnado e PDI.

Os traballos do grupo EcoEvo para a caracterización de especies e ecosistemas e o desenvolvemento de estratexias de conservación son por outra banda unha das acción sinaladas respecto do obxectivo de provisión de servizos forestais ecosistémicos, mentres que no que atinxe ao desenvolvemento de políticas de seguimento do sector forestal, o informe sinala a participación da EE Forestal no grupo de traballo para o establecemento das directrices do Plan Forestal de Galicia e os convenios de colaboración e accións formativas con diferentes comunidades de montes veciñais en man común.