O difícil equilibrio entre o descanso dos veciños e a necesidade de actualizar as vías do tren

Pontevedra
16 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Na noite do 9 ao 10 de abril, luces, son continuo de claxon e ruído asociado ao traballo con maquinaria pesada mantiveron en vela os veciños da zona da estación ata altas horas da madrugada. Adif xustifica que son obras "imprescindibles" mentres eles piden que se respecte o seu dereito ao descanso

Traballos nocturnos nas vías do tren en Pontevedra / Vicente Rey

A convivencia nunha cidade é moitas veces complicada. Que conexistan os intereses de miles de persoas preséntase complicado e que todos vexan respectados os seus dereitos e intereses, tamén. Nos últimos días, en Pontevedra viviuse unha situación peliaguda na que os veciños da contorna da estación de ferrocarril víronse prexudicados por unha obra realizada para mellorar as vías do tren e, mentres eles se queixan e piden explicacións porque non se respecta nin se garante o seu descanso, os responsables das obras defenden a necesidade de facelas polo ben colectivo. Difícil tarefa equilibrar o que precisan uns e outros. 

Ocorreu na noite do 9 ao 10 de abril, cando maquinaria pesada traballou ata altas horas da madrugada nas inmediacións da estación. Luces, son continuo de claxon e todo o ruído asociado ao traballo con maquinaria pesada alteraron o descanso dos veciños da zona, que relatan que non puideron durmir "ata as catro da madrugada". 

"Non era a primeira vez" que ocorría algo parecido, sinalan, e, fartos de non poder descansar, decidiron facer pública a súa situación. Un deses veciños compartiu un vídeo en redes sociais no que se vían os traballos e escoitaban eses ruídos asegurando, entre outras cuestións,  "el ruido va a más, otra noche en vela y mañana estaremos arrastrados con pésimo rendimiento laboral por incumplimiento de la normativa vigente respecto a trabajos nocturnos".

Ese veciño púxolle imaxe e contexto ao que viviron varias decenas deles, boa parte dos residentes na urbanización da Cidade de Pedra, e, como o resto de cidadáns da zona, pedía explicacións. 

En declaracións a PontevedraViva, explicaban que as obras estaban na vía e realízanse "periodicamente". Eles entenden que son traballos de mantemento que "hai que facer", pero non comparten as formas e as horas ás que se realizan. "Son traballos que hai que facer pero o horario non é o adecuado", explica Vicente Rey, o veciño que compartiu a citada publicación. 

Queixas veciñais: "Son traballos que hai que facer pero o horario non é o adecuado"

As queixas veñen porque "foron tres ou catro días seguidos", o que implica que houbo varias xornadas nas que non puideron descansar adecuadamente, e porque consideran que debería buscarse un horario diúrno para poder acometer eses traballos. Ademais, chove sobre mollado, pois xa hai uns anos que presentaron queixas #ante distintas administracións por unha situación similar. Queixáronse a Adif, a Xunta de Galicia e o Concello e "non nos fixeron caso". 

Este xornal púxose en contacto co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), responsable do mantemento das vías, e este luns deu unha explicación ao ocorrido esa madrugada do 9 ao 10 de abril. 

As obras que alteraron o descanso veciñal correspondíanse con "traballos de nivelación de desvíos en vía", que se realizaron con maquinaria pesada na contorna da estación. Desde Adif defenden que estes traballos "foron imprescindibles para reforzar a fiabilidade e a seguridade da infraestrutura, contribuíndo así a un maior confort das circulacións".

Respecto diso, explican que Adif "monitoriza permanentemente" o estado da rede e actúa "de forma preventiva e planificada" co obxectivo de preservar a seguridade das circulacións dos trens e os seus viaxeiros, realizando actuacións que teñen "como fin prioritario a seguridade".

Cando é necesario realizar este tipo de actuacións, indican que as planifican e realizan "tratando de minimizar o impacto (ruído e outras molestias) na contorna".

Segundo explican, nesta ocasión, trasladaron ao Concello de Pontevedra "a necesidade de realizar traballos de mantemento da infraestrutura en xornada nocturna" por ser o momento no que non circulan trens e así non afectan os servizos ferroviarios. Ademais, informaron á administración local das medidas adoptadas para mitigar o ruído. 

Insisten tamén en que "co fin de manter informados os veciños", acordaron que os traballos de mantemento preventivo, susceptibles de planificación, notificaránselle con tres semanas de antelación, incorporando medidas para minimizar molestias nos cidadáns. Nesta ocasión, os veciños consultados por este xornal non foron alertados destes traballos

Mentres Adif agradece a comprensión dos cidadáns para "manter en óptimas condicións as infraestruturas", os veciños afectados piden maior respecto ao seu descanso.