Este xoves 1 de outubro conmemórase do Día Nacional da Artrite, as fachadas da Casa Consistorial e do Pazo da Deputación iluminaranse con luces de cor verde.
Con este xesto simbólico pretenden apoiar as accións promovidas pola Asociación de Enfermos de Artrite de Pontevedra (Asearpo) para sensibilizar e informar á poboación sobre a artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil, espondiliti anquilosante e espondiloartrite, así como visibilizar ás persoas enfermas, concienciando á sociedade sobre as dificultades coas que se atopan no día a día e dando a coñecer estas patoloxías, descoñecidas pola maior parte da poboación.
Esta iniciativa de iluminar de verde edificios públicos púxose en marcha en 2015, realizándose dende entón en Pontevedra, noutros municipios da provincia e en diversas cidades de Galicia e do Estado, como Madrid, Santiago, Vigo, Huesca, Valencia ou Cidade Real.
En España hai máis de 200.000 persoas con artrite e aparecen máis de 20.000 novos casos cada ano. Na nosa comunidade, en Galicia, aproximadamente preto de 20.000 persoas conviven coa artrite reumatoide. Segundo o estudo RA Matters máis do 25% das persoas coa enfermidade en España víronse na obriga de deixar o seu traballo e sete de cada dez persoas séntense incomprendidos na súa contorna máis próxima.