Un día ao ano, o traballo diario calado e afastado dos focos dos traballadores de institucións penais ponse en primeiro plano e as portas habitualmente pechadas para todo aquel alleo ao cárcere da Lama ábrense para dar a benvida a autoridades e á sociedade civil.
Ese día é a xornada na que celebran a súa patroa, a Mercé, cada 24 de setembro, e este ano serviu para homenaxear a 9 funcionarios e funcionarias e 5 institucións colaboradoras.
Este 2024, como é habitual, recoñeceuse aos funcionarios e funcionarias que cumpren 35 anos de servizo, este ano na personalizado en Jesús, e recibiron un recoñecemento a Asociación Española de Mediación; a Fundación Barrié de la Maza; a capitá da Garda Civil Ana Pérez; e a xefa do servizo de igualdade da Deputación de Pontevedra, Lucía Muradas.
O acto central presidiuno este ano Abel Losada, por primeira vez desde que é subdelegado do Goberno en Pontevedra, e tomou a palabra xunto á directora da prisión, Teresa Delgado. Ambos quixeron recoñecer o traballo dos premiados e do medio centenar de traballadores que fan posible seguir o "dificultoso e longo camiño" que deben percorrer para cumprir coa encomenda constitucional de buscar a reinserción e a reeducación.
Losada quixo destacar, nesta primeira Mercé, o papel das prisións no ámbito da educación e a reinserción fronte ao "antigo castigo polo castigo, aquel ollo por ollo" dos vellos cárceres que hoxe en día "son afortunadamente parte do pasado" e tamén defender que España é un país "de referencia polo seu sistema penal" xa desde que en 1979 a Lei Xeral Penienciaria foi unha das primeiras leis orgánicas aprobadas pola nova democracia española. Case medio século despois, "presenta moi poucas engurras".
Desde a súa toma de posesión, xa estivera dúas veces neste centro penal da Lama e quixo eloxiar a súa "filosofía" de actuación e recoñecer aos "magníficos profesionais" que realizan o seu traballo "con excelencia", desde a directora e os cinco directores da historia do centro ata o último dos funcionarios que traballa cos 920 reclusos deste penal e os 90 do CIS Carmen Avendaño de Vigo. "Sen dúbida, están en boas mans".
"Eu non vin aquí para celebrar un efeméride, vin a celebrar que este é un centro modelo nun país que afortunadamente está na vangarda", destacou Losada, mentres que Teresa Delgado destacou que esta celebración "é necesaria para non esquecernos da importancia do noso labor" e "do orgullo que debemos sentir por percorrer este camiño dificultoso".
Puxo o foco na seguridade que xera un "clima idóneo para a convivencia" e facilita abordar múltiples tratamentos penais que "están a calar nas persoas recluídas, axudando a moitos e a moitas a detectar as súas carencias, superalas e alcanzar a autonomía persoal que favorece a súa volta á sociedade libre".
Ademais, indicou que no último ano mantiveron e consolidaron os principais programas de tratamento e foron "un exemplo de boas prácticas a nivel nacional".
Proba diso é que o programa de réxime pechado deste centro foi seleccionado para protagonizar un dos capítulos dos documentais que realiza o Ministerio do Interior para contar desde dentro o traballo das distintas unidades de Institucións Penitenciarias para garantir a seguridade e os dereitos dos cidadáns.
Tampouco se esqueceu de que este centro é "pioneiro" na implementación do programa de intervención en procesos de radicalización violenta de teoloxía yihadista e aquí impartiuse por primeira vez un taller cun enfoque intercultural de convivencia de diferentes culturas nun mesmo espazo, sen supremacía de ningún grupo cultura e puxeron o foco nos delitos de carácter económico.
O seu traballo reportoulles recoñecementos e premios. O programa de educación e promoción de adultos Nelson Mandela foi recoñecido nos premios clubs de lectura do Ministerio de Educación e Teresa Delgado contou emocionada que, por segundo ano consecutivo, dúas profesionais deste centro foron recoñecidas pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, unha polos proxectos internacionais da institución e outra por ser unha profesional de referencia no ámbito científico e clínico.