O Día da Galiza Mártir vivirase por primeira vez no parque Amalia Álvarez de Pontevedra

Pontevedra
13 de agosto 2019

A celebración do Día da Galiza Mártir realizarase o sábado 17 de agosto no monumento de Alexandre Bóveda situado na Caeira e no parque Amelia Álvarez de Pontevedra. A entrega do premio deste ano farase a Telmo Comesaña, representante da Comisión de Recuperación da Memoria Histórica de Vigo

Presentación dos actos de celebración do Día da Galicia Mártir
Presentación dos actos de celebración do Día da Galicia Mártir / Mónica Patxot

Con motivo da celebración do Día da Galiza Mártir, o Concello de Poio presentou, durante a mañá deste martes, os actos que se van a realizar o sábado 17 de agosto en Poio e Pontevedra.

A diferenza dos anos anteriores, contarán con dúas variantes.

Por unha banda, e como é habitual, ás13:00 horas, realizaranse as intervencións da Fundación Castelao, da Fundación Alexandre Bóveda e do alcalde de Poio, Luciano Sobral. Posteriormente farase a ofrenda florar e a interpretación do Himno Galego. Todo iso, no monumento de Alexandre Bóveda situado na Caeira.

Ás 14:00 horas, celebrarase o habitual Xantar Galicia Mártir organizado pola Fundación Alexandre Bóveda en Poio e, ás 17:00 horas será a entrega do premio Galiza Mártir que este ano se lle dará a Telmo Comesaña, representante da Comisión de Recuperación da Memoria Histórica de Vigo, que loitou en todo o conflito da Cruz franquista do Castro en Vigo e que o Concello reconverteu nun monumento democrático.

A entrega dese obsequio realizarase no parque Amalia Álvarez de Pontevedra, cambiando de lugar con respecto ao ano pasado con motivo de "homenaxear a Amalia polo legado que transmitiu a toda a sociedade" e de "recoñecer a súa labor e a súa figura dentro do movemento memorialístico", explicou Ernesto Vázquez, secretario da Fundación Alexandre Bóveda. 

Despois da entrega do premio, realizarase a habitual misa na capela de San Amaro ás 18:30 horas e ás 19:00 a ofrenda cívica no sartego de Bóveda.

Un ano máis, con este acto queren "reivindicar a memoria e a figura de Bóveda en representación de todos os mártires galegos que perderon a súa vida e foron vítimas do réxime franquista", explicou Marga Caldas, concelleira da Memoria Histórica de Poio.

Por outra parte, o parlamentario do BNG Luís Bará rexistrou unha proposición para Institucionalizar o 17 de agosto como 'Día da Galiza Mártir' para honrar a Bóveda e a todas as persoas perseguidas e asasinadas polo franquismo en Galicia afirmando que "ignorar esta data supón un desprezo absoluto a Alexandre Bóveda e a todo o que simboliza".