O desfile do sábado de Entroido, pendente das previsións de MeteoGalicia

Pontevedra
12 de febreiro 2015

O Concello de Pontevedra agardará ata o sábado á mañá para ver a previsión do tempo para a tarde e adoptar unha decisión. Inicialmente, están previstas chuvias pero a concelleira de Festas, Carme da Silva, indicou que non se suspenderá o desfile "se non é absolutamente necesario" como consecuencia dun forte temporal como sucedeu en 2014  

Desfile de Entroido 2014 en Pontevedra
Desfile de Entroido 2014 en Pontevedra

O antecedente de 2014 mantén en alerta a organización do desfile de Entroido deste sábado 14 pola tarde nas rúas de Pontevedra. A concelleira de Festas, Carme da Silva, indicou na mañá deste xoves que se manterán atentos ás previsións meteorolóxicas, ata polo menos, as 13.00 horas do sábado establecendo contacto co Servizo de MeteoGalicia para adoptar unha decisión sobre a suspensión do desfile.

A concelleira apuntou que non se suspenderá a non ser que sexa absolutamente necesario, como sucedeu durante o pasado ano cando un temporal obrigou a pospoñer o desfile ao sábado seguinte.

Carme da Silva afirmou que cambiar a data deste evento afecta aos concellos de arredor que tamén organizan desfiles ademais de, como mínimo, a 7 comparsas que participarán na edición deste ano ás que hai que sumar numerosas murgas e grupos organizados. En caso de suspendelo, dende o Concello buscaríase unha data de consenso para trasladar o acto central do Entroido pontevedrés.

As actividades comezarán este venres 13 coa chegada do Rei Urco a Pontevedra acompañado do seu séquito e das comparsas Amoriños de Bora, Os da Cana, Clave de Sol, Las Flores del Carnaval, Os Paparrulos, Os Solfamidas e Os do Val do Lérez. O alcalde recibiraos e, a continuación, Amoriños de Bora realizará a lectura do pregón destas festas que se prolongarán ao longo dos próximos dez días de febreiro.

Arquivado en