A participación rexistrada no desfile de comparsas e carrozas celebrada este luns 12 en Ribadumia fai que o Concello pense xa en facer oco a esta cita festiva que se estreaba este ano para o seu próximo entroido.
Este cambio "arriscaba rompendo coa tradición" sinalan desde o Concello, pero a aposta resultou exitosa, traendo "renovación e aire fresco na celebración do entroido". Así o está transmitindo a cidadanía aos responsables municipais.
Entregáronse ata vinte e sete dorsais entre todas as categorías ás que se abriu a participación e entre todas elas houbo catro grupos que contaban con máis de vinte integrantes.
Repartíronse 3.000 euros en premios entre as categorías de individual infantil, parella infantil, grupos de máis de tres persoas, carrozas de tres a vinte persoas e carrozas con máis de vinte persoas. Os gañadores en cada unha delas foron: 'Contigo aprendín', 'Tento cocer o repolo', 'Willy Wonka', 'Botou o mar por fóra', e 'O valor do tempo'.
Tras esta satisfactoria acollida o municipio de Ribadumia aínda prolongará a programación ata o 24 de febreiro cando se desenvolva o Enterro da Galiña.