O deseñador que fusiona a "roupa de pandemia" coa moda urbana

Poio
28 de maio 2021

Hai pouco máis dun mes, Gabriel Nogueiras fíxose un oco no competitivo mundo da moda. Foi o gañador do Mercedes-Benz Fashion Talent. A súa proposta, fusionar a roupa "que nos poñiamos para estar cómodos en casa" durante o confinamento, principalmente chándales ou pixamas, coa moda urbana.

Gabriel Nogueiras
Gabriel Nogueiras / Mónica Patxot

Hai pouco máis dun mes, Gabriel Nogueiras fíxose un oco no competitivo mundo da moda. Foi o gañador do Mercedes-Benz Fashion Talent, a pasarela para novos deseñadores da Madrid Fashion Week. "Foi un shock emocional moi forte", lembra.

Fíxoo cunha colección, titulada 'Fat Man', que o coroou como o "deseñador da pandemia". A súa proposta, fusionar a roupa "que nos poñiamos para estar cómodos en casa" durante o confinamento, principalmente chándales ou pixamas, coa moda urbana.

Todo xurdiu, precisamente, en plena pandemia. "Son unha persoa moi inquieta e de súpeto vinme encerrado en casa", explica Gabriel, que viviu esa experiencia "coma se fora unha película de guerra" porque saía á ventá "e non vías a ninguén, era coma se caese unha bomba".

De aí chegoulle a inspiración para relacionalo coas imaxes captadas de Hiroshima, a cidade destruída pola bomba atómica, do fotógrafo Joe O'Donnell e reinventar o estampado de camuflaxe militar, apostando por unha identidade nova para a moda masculina.

"Xa non estamos conformes co clásico pantalón de pinzas, queremos algo máis", apunta o deseñador pontevedrés, que acabou dándolle un "toque máis urbano" á estética militar. 

Así, as súas creacións demostraron que era posible mesturar esa "roupa de pandemia" con tecidos máis aló do algodón ou a la, con moitos cadros no seu deseño e transformando esa "estética pixameira" en roupa de vestir "cómoda e elegante" cun marcado estilo 'street-wear'.

Agora que atopou o seu estilo e o seu aceno de identidade, Gabriel ten claro que continuará por ese camiño. Farao desde o seu estudo de Poio porque asegura que o seu proxecto non sería posible en cidades grandes como Madrid ou Barcelona.

Os seus tecidos conségueos grazas aos contactos con provedores que coñeceu durante o seu traballo para marcas como Carolina Herrera, Inditex ou Bimba y Lola. "Eles utilizan metros e metros de tea e, se teñen unha mancha ou un roto, xa non lles vale", detalla o novo deseñador.

"Eu quédome con esa tea e fago unha patronaxe moito máis coidada, unha intervención máis potente sobre a prenda e doulle identidade, transformándoo en pezas únicas para o cliente", engade Gabriel Nogueiras, cuxa marca 'Rubearth' xa deu os seus primeiros pasos.

Por agora vende as súas pezas por Instagram, pero espera que pronto estea lista a súa propia tenda online. Nela poderanse conseguir unhas creacións "que son moi versátiles e que poden usar homes e mulleres" porque as súas coleccións, aclara, "non teñen estigmas".

Con este proxecto, este deseñador logrou tomar as rendas da súa carreira. Non foi un camiño fácil porque "non tiven tradición de moda na familia" e descubriu este mundo cando, estudando Publicidade, "decidín darlle unha volta máis creativa á miña vida".

Acabou matriculándose na Esdegmga, a escola de moda de Pontevedra, á que "cheguei moi pez porque non sabía nin como se ganduxaba unha agulla". Alí ensináronlle o oficio e, visto o resultado, a experiencia non puido ser mellor para el. E, sen dúbida, tamén para a moda.