O descenso do número de parados en agosto na provincia foi de 602 persoas

Pontevedra
02 de setembro 2021

O histórico descenso do paro rexistrado en España durante o pasado mes de agosto, cunha caída en 82.583 desempregados (-2,4%), foi menos acusado en Galicia onde o número de persoas desempregadas apenas baixou un 0,4%

Traballador do sector naval
Traballador do sector naval / Xunta de Galicia

O histórico descenso do paro rexistrado en España durante o pasado mes de agosto, cunha caída en 82.583 desempregados (-2,4%), foi menos acusado en Galicia onde o número de persoas desempregadas apenas baixou un 0,4%.

Así o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego baixou en 670 desempregados en agosto en Galicia.

Segundo os datos publicados este xoves polo Ministerio de Traballo e Economía Social o volume total de parados alcanzou ao finalizar o oitavo mes do ano a cifra de 151.264 na comunidade autónoma galega. En total, en todo o Estado alcanzou os 3.333.915 desempregados. 

No último ano o desemprego acumula un descenso de 25.687 persoas en Galicia, un 14,5%.

PROVINCIA

O descenso do número de parados na provincia de Pontevedra foi de 602 persoas o que sitúa o total de desempregados en 58.640.  En variación anual, o descenso é de 8.781 (-13%).

DATOS LOCAIS

Segun os datos do informe do mes de agosto da Xunta por  concellos e comarcas, en Pontevedra subiu o desemprego en 35 persoas ata as 4.942, en Poio o número de persoas no paro é de 909 (+3), Ponte Caldelas 399 (-25), Barro 218 (-4), Campo Lameiro 110 (-2), A Lama 132 (-8), Vilaboa 316 (+10), Cerdedo-Cotobade 263 (-17), Cambados 749 (-23), O Grove 480 (-80), Meaño 208 (-5), Meis 223 (+1), Ribadumia 237 (+3), Sanxenxo 610 (-8), Vilagarcía 2.832 (-60), Vilanova 547 (-47), A Illa de Arousa 194 (-3), Bueu 652 (0), Marín 1.346 (-35).

VALORACIÓNS DOS SINDICATOS

Dende o sindicato CIG valoran que as cifras do paro do mes de agosto en Galicia seguen a evidenciar unha evolución moi preocupante do mundo do traballo, cun aumento da precariedade e da temporalidade, especialmente entre as mulleres. Até o punto de que o desemprego feminino incrementouse un 0,3% a pesar do leve descenso do paro rexistrado neste período.

 

 

 

Arquivado en