O desaloxo do asentamento de Ponte do Couto: dúas sentenzas concluíron que estaba "en precario"

Pontevedra
25 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O propietario que presentou a demanda sostén que esta familia "instalouse sen o seu consentimento na parcela aproveitando que non está pechada, levantando unha chabola para acubillarse, na que acumula chatarra, plásticos, madeira e outros materiais inservibles"

Asentamento chabolista desmantelado de Ponte do Couto
Asentamento chabolista desmantelado de Ponte do Couto / PontevedraViva

O desmantelamento do asentamento chabolista de Ponte do Couto, na rúa Ramón Otero Pedrayo, é resultado dun proceso xudicial que comezou no ano 2022 e que en se executou finalmente a pasada semana. Neste proceso, procedeuse ao desaloxo da persoa que seguía vivindo alí -antes era unha familia- a pedimento do seu propietario e tiveron que ditarse dúas sentenzas antes de que se fixese efectivo. 

A leira na que estaba este asentamento era unha parte dunha parcela maior de 2.622 metros cadrados que pertence a dous irmáns por herdanza do seu pai. A parte principal da leira está ocupada por unha nave industrial e unha empresa paga debidamente o alugueiro cun contrato desde hai anos. Con todo, hai unha parte pequena que esta familia estaba a usar sen consentimento dos donos.

A sección primeira da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza o pasado outubro confirmando un fallo previo do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da cidade de abril de 2023 que este morador recorrera. 

Esa sentenza inicial chegou tras a demanda presentada por un dos dous irmáns propietarios para lograr o desaloxo da leira. O xulgado declarou que esta familia ocupaba "en precario" esa leira e condenounos ao seu desaloxo, co apercibimento de que se procedería ao lanzamento se non a desaloxaba no prazo establecido. 

O propietario que presentou a demanda sostén que esta familia "instalouse sen o seu consentimento na parcela aproveitando que non está pechada, levantando unha chabola para acubillarse, na que acumula chatarra, plásticos, madeira e outros materiais inservibles".

Este home demandante explicou ao xulgado que, ao decatarse da ocupación, entrevistouse en varias ocasións co cabeza de familia, en presenza do arrendatario legal da nave, co fin de que desaloxase a parcela ocupada, pero "fixo caso omiso" durante anos. Segundo recolle a sentenza, chegaron a falar de compra.

Esta familia que estaba alí asentada estaba xa nos últimos tempos integrada por un único membro, tendo en conta que os seus fillos fóronse mudando e a súa muller faleceu. Este home alegou que adquiriu esta leira "por usucapión" ao posuílo "en concepto de dono de forma pública, pacífica e ininterrompida durante máis de 20 anos". Ademais, alegou "situación de vulnerabilidade" social e económica. 

A usucapión é unha figura pola cal terminas sendo propietario dun ben polo feito de posuílo como dono ao longo do tempo. Vén regulada nos artigos 1930 e seguintes do Código Civil, que recoñecían a propiedade en pleno dereito a quen efectivamente exercera como dono.

A sentenza inicial estimou integramente a demanda dos propietarios e, tras revisar o recurso, a Audiencia confirmouna, de modo que o desaloxo era inevitable.

A Audiencia conclúe que a referencia temporal máis antiga da que se dispón fala de que esta familia leva alí desde o ano 2000. Así, o dono da empresa que alugou a parte principal da parcela declarou que no momento en que asinou o contrato esta familia xa estaba alí e debía de levar alí "uns dous anos". Outra testemuña que lle limpaba a leira falaba de 18-20 anos. Outra testemuña fixou no ano 2000 o momento no que residía na parcela.

As dúas sentenzas rexeitan que esta familia adquirise a leira "por usucapión"