Rematan as obras de impermeabilización do depósito do Lérez, o que suporá que a capacidade total de almacenamento do sistema de abastecemento de auga en Pontevedra xa está en disposición de activarse.
Ao longo desta semana o Concello realizou as probas de estanqueidade do vaso, é dicir, os ensaios para verificar a ausencia de fugas. Con todo iso rematado, a previsión da empresa concesionaria (Viaqua) é de que o luns xa estará operativo.
Desta forma, o verán en Pontevedra comezará con toda a capacidade de almacenamento dispoñible a través do depósito de San Amaro, Lérez, Castelo, Campiño I e II, ETAP I e II e o Castro Senín. Entre todos eles acumulan 41.580 metros cúblicos de auga, o equivalente á auga necesaria para dar servizo durante 3 días a toda a poboación de Pontevedra e aos concellos da ría aos que abastece.
Concretamente, o depósito do Lérez ten unha capacidade para 15.000 metros cúbicos, é o de maior capaciade dos dous que se atopan nas instalacións da potabilizadora de Lérez e tamén o maior dos 8 da rede de abastecemento.
Coas obras completaron a impermeabilización do depósito, cunhas paredes, soleira e teito nos parámetros interiores e na cuberta e no muro central. Con esta actuación incrementarán o aforro enerxético das instalacións, posto que evitarán as perdas de auga que había antes e disminuirá o conseguinte bombeo que se necesitaba para recuperar a auga filtrada.