A partir do xoves 16 de xullo está previsto que os 70 traballadores dos servizos municipais de tesourería e urbanismo estean xa instalados nas súas novas oficinas, habilitadas nun edificio da rúa dos Ferreiros. O traslado das últimas unidades comezará este mesmo luns.
A mudanza afectará desta volta á área de Urbanismo que, ata o de agora, ocupaban o edificio de Churruchaos e unha parte do Teatro Principal.
Os servizos implicados son os de urbanismo, a oficina técnica de licenzas, a oficina de rehabilitación do ARI e o departamento de disciplina urbanística e policía administrativa.
Mentres dure o traslado, as catro oficinas permanecerán pechadas ao público e volverán a retomar a atención ao cidadán tres días despois, o xoves.
Nestas novas dependencias da rúa dos Ferreiros traballan dende o pasado 8 de xuño os departamentos de tesourería, xestión tributaria, contratación tributaria, tributos e inspección.
Esta nova sede municipal ten unha superficie de 1.328 metros cadrados divididos en dúas plantas, unha de 600 metros e outra de 728 metros.
Unha vez que se materialice o traslado do departamento de urbanismo, as novas oficinas municipais acollerán a 70 funcionarios: trinta postos de xestión económica na planta baixa e corenta na primeira con urbanismo, todos eles distribuídos por áreas e por departamentos.