O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, mantiña este luns unha reunión telemática co comité de empresa de Ence, na que tamén estivo presente a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba. Por parte do comité de empresa participaron o presidente Antonio Lafuente, o secretario Pablo Bacariza e tres membros máis: Ángel Cruz, Luís Otero e Ignacio Acuña.
Tras este encontro, a delegación do Goberno informaba da necesidade de que a empresa pasteira presente un plan industrial de futuro, ao entender o representante do Executivo central que a Lei de Cambio Climático, á que se acolle Ence para paralizar os seus investimentos en Pontevedra, non afecta á continuidade da compañía.
O delegado do Goberno manifestaba que "foi unha reunión moi produtiva e moi sensata por parte dos traballadores que serviu para concluír que o artigo 18.4 da Lei de Cambio Climático en nada afecta ao futuro de Ence".
Así mesmo, Javier Losada engadía que "é preciso que Ence e a súa directiva presenten un plan de futuro para a actividade industrial que está sometida a unha concesión. A Xunta de Galicia non pode mirar cara a outro lado, senón que ten que poñerse ao dispor de Ence para darlle solucións”.
O delegado do Goberno subliñou que o executivo central "está disposto a dialogar e a escoitar, pero é fundamental coñecer o proxecto industrial de futuro que ten a empresa". Por este motivo, incidiu na necesidade de que a empresa aborde os seus plans de futuro de maneira pública e sempre coa mente posta no mantemento dos postos de traballo.
ENCE DESMENTE AO DELEGADO
Tras estas declaracións, a empresa Ence volveu a pronunciarse vía comunicado para reiterar que a lei de cambio climático que tramita o Goberno, na súa actual redacción "si é retroactiva", polo que afectaría á súa actividade industrial en Pontevedra.
"Desde Ence celebramos a disposición, expresada desde a Delegación de Goberno, de diálogo e escoita e, neste sentido, confiamos en que se teña en conta a necesidade de eliminar a retroactividade do citado proxecto de lei", sinala a compañía, que lembra que o Consello de Estado pediu, no seu ditame preceptivo desta normativa, que esta non encerre retroactividade.