A Garda Civil conta con 11 novos vehículos que eran presentados este martes na Comandancia de Pontevedra coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; o tenente xeral do Mando de Operacións Territoriais, Laurentino Ceña Coro e o xeneral da XV Zona da Garda Civil, Ángel Alonso. Ao acto tamén asistiron a subdelegada do Goberno, Ana Ortiz e o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Jorge González Veiga.
O delegado do Goberno tivo palabras de recoñecemento ao labor humanitario desenvolvido polos axentes da Garda Civil nas últimas horas acudindo á axuda da poboación civil no incendio dun edificio en Cambados. Indicou que finalmente catro axentes foron trasladados a un centro hospitalario para ser atendidos, xunto a once veciños do inmoble, sinalando que todos se atopan en bo estado.
Neste sentido, indicou que a renovación do parque móbil permitirá incrementar esta actividade humanitaria desde a comandancia.
Quixo destacar tamén a baixada da criminalidade na provincianun 0,5% durante o último ano e felicitou, neste sentido, o traballo que desenvolve a Garda Civil. Negou que os datos na zona de Vilagarcía sexan malos e remarcou que de 10 indicadores, seis baixan e catro aumentan pero con escasas porcentaxes de incremento. A próxima semana, a subdelegada do Goberno Ana Ortiz manterá un encontro co alcalde de Vilagarcía Alberto Varela para analizar con detalle estes datos.
En relación cun incremento de intervencións en relación a delitos de tráfico de drogas, Santiago Villanueva afirmou que ese balance é positivo porque significa máis actividade das forzas policiais. "Ese aumento dun 90%" apuntou "significa que se desarticulou material, droga neste caso" e relacionouno coa eficiencia tanto da Garda Civil como da Policía Nacional.
Os vehículos estreados este martes repartiranse entre as cinco compañías da comandancia e serán destinados ás necesidades da compañía fiscal do porto e aeroporto, ademais da Unidade de Seguridade Cidadá.
Todos os coches contarán con biombos de seguridade extraíble, que lles permite un uso en modo patrulla ou para o traslado de detidos. Contan tamén cun sistema de radiocomunicaións dixitais de emerxencia do Estado; localización GPS, defensas policiais e porta-defensas; lanternas e ponte de sinalización prioritaria.