Continúa o enfrontamento aberto entre a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra en relación cos terreos para a construción do novo edificio xudicial da Parda. O delegado da Xunta, José Manuel Cores Tourís, manifestaba nesta mañá do martes 15 de abril que o Concello non expropiou aínda todos os terreos necesarios para a execución desta infraestrutura alegando que faltan 1.000 metros cadrados para que se poida desenvolver a obra.
Corres Tourís indicou que dende a administración autonómica sempre se apuntou a que esta obra, que se enlazaría cos xulgados actuais da Parda a través dunha pasarela, estaría finalizada en 2016, pero os prazos son imposibles de cumprir porque o Concello non puxo a disposicións da Xunta os 6.500 metros cadrados necesarios para o edificio. "O certo é que aínda a administración local non conta con todas as parcelas que son necesarias para executar a obra e, aínda así, pretende iniciar a cesión á Xunta deses terreos obrigándoa a reclamar as parcelas que faltan aos seus propietarios" engadiu.
"Dende o Concello se di que podemos iniciar o expediente de licitación, pero non se pode porque a asesoría xurídica non deixaría empezar un proxecto sen ter os terreos cedidos a administración autonómica" indicou Cores Tourís que sinalou que están en disposición de comezar no momento en que todos os terreos estean cedidos.
O delegado mantén que a Xunta cumpriu co seu compromiso para crear un edificio que contaría con oito plantas (dous sotanos e seis plantas), segundo apuntou o xefe do Departamento de Edificación do SPI de Galicia, Manuel Bermúdez. "A Xunta fixo os seus deberes que foi facer o proxecto e dotar dunha cantidade e hai 20 millóns de euros para desenvolver o proxecto", engadiu Cores Toruís.
"Eu non sei se é unha estratexia política do alcalde de ter ese enfrentamento coa Xunta e ese localismo" indicou o delegado da Xunta que afirmou que dende xullo de 2013 non houbo novas reunións da comisión mixta de seguimento organizada sobre este tema.
O GOBERNO LOCAL AFIRMA QUE TODOS OS TERREOS FORON CEDIDOS Á XUNTA
O concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, mostrouse moi molesto coas palabras do delegado da Xunta de Galicia e sinalou que "nas relacións entre as administracións hai que ser respectuosos e o que non se pode é recibir estes reproches deste superdelegado que dende que o nomearon que diga que fixo por Pontevedra" e continuou, "e non só non fai nada senón que ven a enturbiar". Segundo o concelleiro este tema estase a levar por normalidade polos técnicos a través da comisión de seguimento.
García Legísima apuntou que os terreos pertencen ao Concello dende 2012 salvo a franxa á que se refire Cores Tourís que, segundo o concelleiro, posteriormente "foi expropiada por Adif e cedida por Adif ao Concello de Pontevedra. Hai unha acta de recepción e iso foi comunicado á Xunta polos funcionarios".
O Concello investira 1,3 millóns de euros nas expropiacións dos terreos e engadiu que a documentación foi presentada no Rexistro da Propiedade. Vicente García Legísima indicou que ademais a Xunta ten realizado obras como a do Centro de piragüismo no Pontillón do Castro sen que fose propietaria de todos os terreos. Concluíu que os motivos que levan a esta situación son políticos e económicos: "se non teñen cartos, que o digan".