O Defensor del Pueblo deu por pechado o expediente que iniciara contra o convenio, asinado entre o Concello de Cerdedo-Cotobade, o Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia e a Fegamp, para rehabilitar os Baños do San Xusto.
Nun informe previo, o Defensor do Pobo suxería que se anulase esta obra cun orzamento de 680.000 euros. Esta reacción provocou declaracións enfrontadas entre o goberno local de Cerdedo-Cotobade do popular Jorge Cubela e os representantes do PSOE, principalmente con Andrés Díaz, alcalde de Ponte Caldelas.
Agora, a institución estatal que dirixe Francisco Fernández Marugán presenta a resolución final sobre o caso, que presentará ás Cortes no seu informe anual, a través dun informe no que admite que carece de competencias para modificar ou anular actos das administracións públicas. E sinala que esas circunstancias só poden resolverse en sede xudicial. O Defensor recoñece que o seu labor limítase a supervisar as actividades das administracións. A Xunta e o Concello de Cerdedo-Cotobade entenden que a intervención do Defensor foi irregular e excedeu as súas funcións.
Jorge Cubela analizou cos servizos xurídicos este último informe e afirma que está cheo de vaguedades, remitíndose a normativas que non teñen que ver co caso e afirma que o Defensor del Pueblo mantén unha postura defensiva que "revela un tufiño raro", ademais de acusalo de facer "afirmacións prepotentes" como que a institución estatal non se atopa sujera a mandato imperativo algún. Ademais, alega o alcalde de Cerdedo-Cotobade, que concorre unha "terrible indefensión" ao insistir no documento en que o Concello carece dun papel relevante neste asunto a pesar de ser o beneficiario do convenio e o organismo que licitou as obras.
Cubela tamén se sorprende porque o Defensor recoñece que non debe admitir queixas doutras autoridades, "pero considera que nesta situación, sen dar explicación algunha, isto non debe aplicarse" ao atender a petición do alcalde de Ponte Caldelas.
O alcalde do PP agradeceu á Xunta a firmeza e o apoio ao convenio e sinalou que no proceso primou a defensa dos intereses xerais do Concello e da legalidade. Por este motivo agradeceu a colaboración da cidadanía do municipio, do goberno local, do persoal municipal, dos servizos xurídicos e do grupo do BNG.
Pola contra, cualificou de "boicot" aos Baños do San Xusto a actitude do PSOE de Cerdedo-Cotobade, do alcalde de Ponte Caldelas, do grupo parlamentario socialista e da súa agrupación provincial.