Unha muller de 89 anos, que se atopaba ingresada no Hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra converteuse na vítima 205 da pandemia na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
Durante este martes 28, a Consellería de Sanidade tamén notificaba a morte dun home de 86 anos no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, diagnosticado con coronavirus. As dúas persoas falecidas presentaban outras enfermidades previas nos seus historiais clínicos.
Con estes dous novos falecementos, Galicia alcanza a cifra de 2.636 persoas que perderon a vida con motivo desta enfermidade.
Na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, curáronse 21.122 pacientes, dous máis na última xornada, desde o inicio do plan de continxencia.
PREVISIÓN DE VACINAS
Para este mércores 29 están previstos 600 ocos para autocita no Recinto Feiral de Pontevedra en quendas de mañá e tarde, segundo informan desde a xerencia da área sanitaria.
No recinto de Fexdega en Vilagarcía de Arousa reserváronse 180 ocos para autocita tamén en quendas de mañá e de tarde.