Máis alá da presentación técnica do modelo urbano de Pontevedra, moitas das persoas que integraban as diferentes delegacións internacionais quixeron interesarse polo proxecto executado na nosa cidade. Tras a exposición pontevedresa, fóronse achegando ben a Daniel Macenlle ou ben a Miguel Anxo Fernández Lores para afondar nos aspectos que ambos os dous destacaron sobre o escenario do Zabell Hall.
Unha das que mostrou un maior entusiasmo foi Suwanna Barbara Gauntlett, unha estadounidense que leva quince anos vivindo en Cambodja, onde impulsou a través da organización Wildlife Alliance un ambicioso proxecto que converteu unha das áreas da rexión de Chi-Pat nun centro de ecoturismo que está xestionado pola propia comunidade. O seu é un outro dos premiados por Dubái e a ONU.
"Parece unha utopía e é fantástico ver que se pode facer realidade", sinalou sobre o modelo pontevedrés. "Querería ir a vivir nela se mo deixasen as miñas obrigas persoais". Destacou que o que máis lle chamou a atención como en Pontevedra se puido aplicar "todo o que na vida urbana de hoxe en día parece imposible", como que os nenos vaian andando e sós ao colexio ou que non haxa barreiras nos espazos públicos.
Pola súa parte, o arxentino Juan Carlos Lapetino, premiado por un proxecto que aposta por recuperar a agricultura tradicional e involucrar os nenos no seu coidado, explicou que en Bos Aires se levou a cabo unha iniciativa para xuntar todo o transporte urbano nun mesmo billete, pero xamais a un nivel integral como fixo Pontevedra e polo que vexo "é unha política que transcende dos partidos, é case como unha política de Estado".
A Ana Cristina Vargas tamén lle gustou moito a presentación do modelo pontevedrés. Esta venezolana, que recibirá o ONU-Hábitat por un proxecto de mellora da calidade de vida de zonas degradadas na India, celebrou que mentres que habitualmente "as cidades están pensadas para os coches, aquí é ao revés" e asegura que se trata dun modelo perfectamente exportable a outras cidades, aínda que ás grandes como Caracas "quizais non por completo senón por barrios".
Tamén quixo deixar a súa impresión o inglés Joseph Mulligan, enxeñeiro que impulsa un proxecto de recuperación de áreas empobrecidas en Nairobi (Kenya). Afirmou que coñeceu Galicia grazas á súa afección polo fútbol -presenciou o partido entre o Celta e o Arsenal na Champions League de 2005, "e é unha rexión que me encanta". Asegurou que o visto este luns é "moi interesante" e celebrou que un proxecto así superase as reticencias de parte da cidadanía.