O custo da reforma do edificio da Xunta en Benito Corbal superará os 5 millóns de euros

Pontevedra
28 de setembro 2017

O anuncio da licitación da obra publicarase no mes de outubro para dar comezo coas obras a finais de ano e ter o edificio rematado no mes de marzo do ano 2019, tendo en conta os quince meses de execución de obras que están previstos no proxecto

Antiga delegación da Xunta en Benito Corbal
Antiga delegación da Xunta en Benito Corbal / Mónica Patxot

Ata os 5,1 millóns de euros ascenderá finalmente o investimento previsto na rehabilitación da antiga delegación da Xunta en Pontevedra, situada na rúa Benito Corbal. O Consello da Xunta autorizou este xoves a contratación das obras, que reformarán un espazo duns 5.800 metros cadrados e terán un prazo de execución de quince meses.

O custo aumenta, segundo o presidente do goberno galego, despois de coñecer con detalle as necesidades do proxecto.

Un total de 4,7 millóns corresponden coa obra propiamente dita e o resto a traballos técnicos, algúns deles xa finalizados.

Estes traballos converterán a antiga sede da Xunta na cidade, destacou Alberto Núñez Feijóo, nun espazo "moderno, cómodo, accesible e versátil para todos os usuarios". Nel, primará a eficiencia enerxética facendo un inmoble cunha cualificación enerxética A, tanto con respecto ao consumo de enerxía primaria non renovable como en emisións de CO2.

A rehabilitación do edificio ten como obxectivo poder dispoñer dun edificio enerxeticamente eficiente polo que se aplicarán métodos e tecnoloxías enerxéticas eficientes, como caldeiras de biomasa para a calefacción, bombas de calor de tecnoloxía VRV para calefacción e refrixeración, instalación solar fotovoltaica para xeración de electricidade, así como elevados niveis de illamento térmico e sistemas de iluminación eficientes.

Nas tres primeiras plantas -o semisoto e o primeiro e segundo andar- situaranse as oficinas de emprego da Xunta, que na actualidade están en dous locais alugados na cidade, na rúa Eduardo Pondal. Estes servizos vanse concentrar nun único espazo, o que facilitará a prestación do servizo ao cidadán. A superficie para este fin será de 1.544 metros cadrados.

Nas plantas terceira e cuarta, a Xunta poñerá á disposición de entidades e asociacións de interese social e sanitario un espazo para situar as súas oficinas e locais. Estas plantas terán acceso independente dende a rúa e a súa superficie total será de 1.156 metros cadrados. 

Finalmente, as catro plantas restantes -da quinta á oitava- estarán á disposición da Universidade de Vigo para que instale alí os servizos e proxectos que decida a institución académica. A superficie para estes usos será de 1.740 metros cadrados.

O anuncio da licitación da obra publicarase no mes de outubro para dar comezo coas obras a finais de ano e ter o edificio rematado no mes de marzo do ano 2019, tendo en conta os quince meses de execución de obras que están previstos no proxecto.