Un proxecto "bo e intelixente" para a cidade de Pontevedra. Así describe o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, o proxecto para converter as actuais terminais de autobuses e trens nun espazo intermodal. O custo deste proxecto ascenderá finalmente ata os 6.1 millóns de euros.
O Consello da Xunta, na súa reunión deste xoves, autorizou a sinatura do convenio de colaboración co Concello para acometer esta obra.
A administración autonómica financiará o 75% das actuacións e servizos necesarios para levar a cabo a execución destas obras, cun investimento de 4.6 millóns de euros. Asumirá o 100% da reforma da actual estación de autobuses, cunha achega de 2.6 millóns; e destinará 2 millóns máis para reforzar a intermodalidade entre ambas terminais.
O Concello, pola súa banda, achegará o 25% restante, máis de 1.5 millóns, para financiar a conexión peonil entre as dúas estacións, a humanización da praza e aparcadoiro na cara norte da estación, a execución dun acceso suroeste e a adecuación das dársenas e liberación dos marcos do río Gafos.
As actuacións, segundo Núñez Feijóo, mellorarán a actual estación de autobuses e a súa conexión coa de ferrocarril, "fomentando a integración coa contorna urbana" a través dunha pasarela entre a dársena da terminal de autobuses e a estación de ferrocarril.
Así mesmo, tamén se levará a cabo a execución dun novo acceso á estación de autobuses sobre o río Gafos a través da rúa Josefina Arruti, o que permitirá separar os tráficos e mellorar a seguridade viaria dos viaxeiros.
A prestación do servizo público verase favorecida pola humanización da praza frontal, a optimización do aparcamento actual e a reserva de prazas para taxi e unha zona para parar pero non estacionar de recibimento aos viaxeiros.
A previsión é que as obras se poidan licitar esta mesma primavera.