O curso escolar comezará cunha Festa Holi na Reiboa

Poio
02 de setembro 2024

Celébrase este venres, 6 de setembro, e inclúe tamén obradoiros, sorpresas, inchables e animación musical 

Presentación da Festa de Volta ao Cole
Presentación da Festa de Volta ao Cole / Concello de Poio

Este venres, 6 de setembro, haberá unha Festa de Volta ao Cole na Praza da Reiboa, na Seca, organizada polo Concello de Poio en colaboración do Centro Comercial A Barca. 

A partir das 18.00 horas, os asistentes poderán gozar dunha Festa Holi con pos de cores, na que ademais tamén se inclúen obradoiros de manualidades, inchables e animación musical. 

"Unha festa á altura do alumnado de Poio para que, despois dun verán con moita diversión, a volta ao colexio sexa tamén moi especial para todos sen excepción", sinala o alcalde, Ángel Moldes, que presentou o evento acompañado pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, polo xerente do Centro Comercial A Barca, Ángel Vejo, e por representantes das Anpas locais.

Desde o Concello e o Centro Comercial confían en reeditar a "alta participación" que tivo esta Volta ao Cole o ano pasado. 

O alcalde lembrou que "foi unha iniciativa nova, pero que desde o inicio espertou moitísimo interese nas familias e contou con moitísimos asistentes. Por iso, este venres confiamos en repetir esta magnífica experiencia coa vantaxe de que, ademais, tras os comentarios tan positivos que se fixeron o ano pasado, estou convencido de que nesta ocasión serán aínda máis as nais, os pais e os menores que se animarán a participar nesta actividade", sinala Moldes.