O desencontro entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra a conta de Fitur segue a xerar críticas desde o ámbito político. Iso si, con matices. O PP só responsabiliza ao goberno provincial, mentres que Podemos lamenta a actitude das dúas institucións.
Os populares lamentan que a Deputación "desprece unha plataforma inmellorable e gratuíta" para promocionar as Rías Baixas, advertindo que "vai a perder" o sector turístico da provincia.
"Unha vez máis a Deputación de Pontevedra volve a ser a única administración de toda Galicia que volve a poñer por diante a confrontación para romper a unidade", sinala a deputada Pepa Pardo, que afirma que todo vén da negativa a que a Xunta teña asentos "no seu propio stand".
Desde Podemos, pola súa banda, entenden que con esta polémica "non se está a actuar coa responsabilidade que merecen as institucións ás que representan", apunta o voceiro do consello de coordinación do partido en Pontevedra, Román González.
Pídenlle tanto á Xunta como á Deputación que cesen nesta "polémica estéril" por unha "disputa de cadeiras", xa que "o que deberían é tecer marcos de colaboración para facilitar a saída do sector turístico da crise que atravesa".