O CSIC nomea a Rafael Zas Arregui director da Misión Biolóxica de Galicia

Pontevedra
09 de xuño 2023

Natural de Santiago de Compostela, é enxeñeiro e doutor enxeñeiro de montes pola UPM, desenvolve o seu labor desde o 2008 na MBG, onde dirixiu o grupo Xenética e Ecoloxía Forestal

Rafael Zas Arregui, director da Misión Biológica de Galicia
Rafael Zas Arregui, director da Misión Biológica de Galicia /

A Presidencia do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) nomeou a Rafael Zas Arregui director da Misión Biolóxica de Galicia (MBG).

Releva no cargo, tras permanecer desde xullo de 2022 como director provisional, a Elena Cartea González, quen nesa data foi nomeada vicepresidenta adxunta de Áreas Científico-Técnicas do CSIC. Rafael Zas Arregui (Santiago, 1971) é doutor enxeñeiro de montes pola Universidade Politécnica de Madrid. Realizou a súa tese doutoral entre esta Universidade e o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, onde iniciou a súa etapa posdoctoral, que continuou no SCION (Rotorua, Nova Zelandia).

En 2008 incorporouse ao CSIC como científico titular na MBG, onde desde esa data dirixe o grupo Xenética e Ecoloxía Forestal, cuxa principal liña de investigación é a mellora do coñecemento das bases xenéticas e ecolóxicas da resistencia das árbores forestais fronte aos seus inimigos biolóxicos.

En 2017 promocionou a investigador científico. Foi o investigador principal de 15 proxectos de investigación de convocatorias competitivas e outros tantos contratos con entidades públicas e privadas. É coautor de 100 artigos en revistas científicas indexadas no SCI-JCR. Dirixiu cinco teses doutorais. Participa á súa vez en proxectos de divulgación científica e en actividades de xestión científica.

A nivel organizativo o equipo directivo á fronte do cal estará Rafael Zas contará con dous vicedirecciones científicas que ocuparán Serafín González Prieto, na sede de Santiago de Compostela, e Pablo Velasco Pazos, na sede de Pontevedra. Ademais, contémplase unha vicedirección técnica que coordinará as actividades de internacionalización, transferencia, e difusión. O equipo complétase coa xerente, Natalia Martínez, e o vicegerente, Jose María Alfaya.

“O principal reto do proxecto directivo é, tal como recolle o plan estratéxico da MBG, posicionar a este instituto do CSIC como un centro de vangarda, líder e de referencia na investigación de ámbito agrario, forestal e ambiental tanto a nivel autonómico como nacional e internacional. Pretendemos converter á MBG nun centro de investigación visible, atractivo e ilusionante para o persoal investigador novo nacional e estranxeiro. Aínda que  son, sen dúbida, retos ambiciosos e de alto calado, os recentes cambios no instituto coa integración das dúas sedes (Santiago e Pontevedra) e a incorporación dunha boa e variada cantidade de investigadores, sitúan ao centro nunha posición privilexiada para alcanzalos”, avanza Zas.

“Na miña opinión, a MBG atópase nestes momentos nun punto de inflexión pasando de ser un centro pequeno, periférico e moi focalizado nunhas poucas liñas de investigación, a ser un centro de considerable tamaño, peso e prestixio nunha ampla e variada colección de liñas de traballo nas áreas de ciencias agrarias, ambientais e forestais”, conclúe.