O CSIC convoca o concurso de debuxo "Os cereais", con premio especial para escolares de Pontevedra, Marín e Poio

Pontevedra
26 de setembro 2023

Poden participar os escolares de entre 6 e 11 anos de centros de ensino de toda España con debuxos que estean directamente relacionados co tema do certame. Cada debuxo debe acompañarse dunha frase explicativa ou slogan

Cartel do concurso escolar de debuxo convocado polo CSIC
Cartel do concurso escolar de debuxo convocado polo CSIC / CSIC

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) promove, coa colaboración de diversas entidades, o concurso escolar de debuxo "Os cereais", no marco do "Ano Internacional do Paínzo", declarado pola Organización das Nacións Unidas.

A iniciativa parte da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) e colabora a Delegación do CSIC en Galicia e a Estación Fitopatolóxica Areeiro-Deputación de Pontevedra (unidade asociada á MBG). 

Poden participar os escolares de entre 6 e 11 anos de centros de ensino de toda España con debuxos que estean directamente relacionados co tema do certame. Cada debuxo debe acompañarse dunha frase explicativa ou slogan. 

O prazo de presentación de propostas está aberto ata o 27 de outubro e os debuxos deben enviarse ou presentarse, preferentemente, a través dos centros escolares (que deberán limitar a un máximo de 10 os debuxos por categoría), en sobre pechado no Liceo Casino de Pontevedra (Rúa Manuel Quiroga, 21, 36002. Pontevedra) ou por e-mail a [email protected]

Todos os debuxos mostraranse no Liceo Casino durante a Semana da Ciencia (13-17 de novembro) e un xurado, composto por representantes das entidades promotoras, unha docente da área de ciencias e un artista plástico, escollerá dez debuxos finalistas por categoría (6-7 anos, 8-9 anos e 10-11 anos).

PREMIOS

De entre os dez debuxos finalistas adxudicarase un primeiro e un segundo premio. Ademais, outorgarase un premio especial aos concursantes dos municipios de Pontevedra, Marín e Poio por cada categoría. Os premios consisten en bonos trocables por material de debuxo ou librería.

O fallo do xurado farase público o 17 de novembro pola tarde nun acto aberto ao público xeral no Liceo Casino. 

Os debuxos premiados publicaranse, ademais, no Boletín da Sociedade de Ciencias de Galicia.