O cruceiro de San Amaro, de novo danado polo impacto dun coche (e os veciños xa perderon a conta)

Pontevedra
05 de setembro 2024

Ocorreu este mércores. Ao mediodía estaba perfecto e, cando volvín de traballar, estaba valado", relata un veciño. Tampouco a Policía Local coñece as circunstancias nin sabe quen foi o responsable. Deixárono valado para evitar que houbese danos maiores ou resultasen afectadas persoas 

Danos provocados no cruceiro de San Amaro o 4 de setembro
Danos provocados no cruceiro de San Amaro o 4 de setembro / PontevedraViva

Os veciños da zona de San Mauro xa perderon a conta da cantidade de veces que un coche danou o cruceiro situado diante a capela. O último foi este mércores 4 de setembro e, de novo, este elemento patrimomial está valado. 

Desde hai tempo, a zona situada xusto diante do templo converteuse nun lugar habitual de aparcamento e os vehículos que estacionan aí, ao realizar manobras, acaban danando a base do cruceiro. 

O último caso sucedeu este mércores pola tarde, aínda que os veciños descoñecen a hora e circunstancias exactas. "Ao mediodía estaba perfecto e, cando volvín de traballar, estaba valado", relata un dos veciños cansos xa de tantos accidentes. 

Tampouco a Policía Local coñece as circunstancias nin sabe quen foi o responsable. Segundo confirmaron fontes oficiais, tiveron noticias dos danos ao cruceiro e unha patrulla policial achegouse ao lugar para valalo e evitar que houbese danos maiores ou resultasen afectadas persoas que se movesen pola zona.  

Os veciños non teñen dúbida ningunha de que volveu ser un coche, pois está danada a base, que corre risco de moverse e mesmo caer, pois a estrutura cambalea. Co impacto, desprazáronse un pouco a base e o capitel.

Os veciños non ocultan o seu enfado polo frecuentes destes incidentes, pois hai tan só mes e medio que repararon este cruceiro. En maio sufrira un impacto dun coche e permaneceu valado durante meses ata que hai unha semanas se reparou.

"Aguantou mes e medio", sinala un veciño, que lembra que "leva xa varias reparacións porque os coches danse e alá vai...".

O cruceiro está situado xusto diante da capela de San Mauro, nunha praza que pertence á Igrexa e que, ao non estar pechada, converteuse en aparcamento.

O enfado veciñal tamén está dirixido a este uso dunha praza que debería ser peonil e para dar servizo ao tempo, pois "os coches aparcan de calquera forma".

Este mesmo mércores, un coche estaba aparcado xusto diante da porta da capela e déronse xa ocasións nas que "se queres acceder á capela, non podes". Hai tres meses, durante un funeral, "o cadaleito case non entraba porque había un coche aparcado".