O cribado de Vilaboa só detectou un positivo por Covid-19

Vilaboa
18 de febreiro 2021

A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés convocou á poboación de entre 40 a 79 anos de idade coa súa tarxeta sanitaria activa asignada no centro de saúde de O Toural. Finalmente, achegáronse a efectuar o cribado un total de 1.854 cidadáns, cifra que representa unha porcentaxe do 68,1 por cento da convocatoria voluntaria

Cribado no Centro de Saúde O Toural
Cribado no Centro de Saúde O Toural / Consellería de Sanidade

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) detectou un positivo por Covid-19 nos cribados poboacionais con test rápidos de antíxenos efectuados durante as tardes dos pasados luns 15, martes 16 e mércores 17 de febreiro de 2021 no Centro de Atención Primaria de O Toural do Concello de Vilaboa.

A dita iniciativa preventiva o Sergas convocara en pasadas datas, de xeito gradual e vía SMS telefónico, á poboación vilaboense de entre 40 a 79 anos de idade coa súa tarxeta sanitaria activa con asignación no centro de saúde deste concello, colectivo que nesta localidade acada as 2.722 persoas.

Finalmente, achegáronse a efectuar o cribado un total de 1.854 cidadáns, cifra que representa unha porcentaxe do 68,1 por cento da convocatoria voluntaria.

Para levar a cabo este cribado, a administración sanitaria pública galega contou no centro de saúde de O Toural con tres equipos de enfermaría en cada turno, que efectuaron tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das mostras nasofarínxeas e información á veciñanza de Vilaboa.

O alcalde de Vilaboa, César Poza agradeceu a participación da poboación neste cribado masivo que "permite agora unha certa tranquilidade ao saber que a incidencia do virus entre a veciñanza é reducida". Agradeceu tamén a colaboración de Protección Civil de Vilaboa e de Soutomaior na regulación do tráfico e accesos ao Centro de Saúde para evitar atascos e aglomeracións.

O alcalde tamén agradeceu ao Sergas que atendera con dilixencia a petición de cribado masivo cursada polo Goberno local de Vilaboa nun momento en que o nivel de
contaxios era moi preocupante.