O CPI Julia Becerra Malvar, de Ribadumia, amosa o seu cambio de imaxe

O Salnés
26 de xaneiro 2022

Luis López, delegado territorial da Xunta, e o alcalde David Castro visitaron o centro escolar este mércores. As obras supuxeron un investimento de 842.000 euros para renovación de fachadas, cubertas, carpinterías exteriores, fiestras, instalacións, iluminación e illamento dos tres edificios

Rehabilitación do CPI Julia Becerra Malvar
Rehabilitación do CPI Julia Becerra Malvar / Xunta de Galicia

Finalizaron as obras de rehabilitación integral do Centro Público Integrado Julia Becerra Malvar, de Ribadumia. As obras contaron cun investimento de 842.000 euros procedentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia coa intención de modernizar as instalacións.

Luís López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra, visitaba o centro este mércores acompañado por David Castro, alcalde de Ribadumia e polo xefe territorial de Educación, César Pérez Ares. As obras centráronse en renovar as fachadas, cubertas, xanelas, carpinterías exteriores, instalacións, iluminación e os sistemas de illamento dos tres edificios que conforman o centro educativo.

O representante da Xunta indicou que esta obra buscou unha mellora na comodidade do alumnado, dos docentes e do persoal que traballa no centro. Os edificios sumaban xa máis de corenta anos e as obras buscan tamén mellorar a eficiencia, a amplitude e a polivalencia que recolle o Plan de  Nova Arquitectura  Pedagóxica.

Entre os traballos instalouse iluminación led de baixo consumo e instalouse unha nova rede de calefacción de biomasa para gañar en eficiencia e sustentabilidade fronte ao sistema eléctrico anterior.