O corpo de bombeiros de Pontevedra incorpora unha nova zodiac con tecnoloxía pioneira no Estado

Pontevedra
10 de novembro 2021

O novo equipamento supón unha mellora importante para os rescates acuáticos, ao ser máis grande e máis innovadora. O Concello destinou un total de 53.000 euros para a compra deste novo equipamento

O corpo de bombeiros de Pontevedra incorpora unha nova zodiac con tecnoloxía pioneira no Estado
O corpo de bombeiros de Pontevedra incorpora unha nova zodiac con tecnoloxía pioneira no Estado

O concelleira de Protección e Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, presentou este mércores, a nova zodiac que incorpora o corpo de bombeiros municipal como parte do seu equipamento. Trátase dun vehículo marítimo novo, que vén substituír a zodiac que levaba en funcionamento desde o ano 1995.

A incorporación deste novo vehículo supón unha "mellora inequívoca para a cidade", que mellora os medios para os rescates acuáticos en superficie. Dentro desas melloras específicas, o xefe de bombeiros de Pontevedra, Vicente Ferrería, sinala unha ganancia en amplitude en comparación coa antiga zodiac, ao ser o novo modelo máis grande e ampla, o que permitirá "trabajar con una camilla sin ningún problema", amais de permitir levar máis persoal no interior.

O elemento diferenciador respecto doutros equipamentos desta clase, é a mudanza do sistema de hélice, que nos rescates podía mesmo ser un elemento de risco, tanto para os traballadores como para as persoas a rescatar. 

A nova zodiac conta cunha turbina que é capaz de navegar con moi pouca lamina de auga e que, ademais, "podería ser utilizada como unha lanza de auga en determinados accidentes acuáticos nos que haxa un incendio", explica Ferrería, que tamén sinalou que é un sistema moderno e innovador, e que non está rexistrado en ningún outro servizo de bombeiros do Estado español.

O Concello de Pontevedra destinou 53.000 euros para a compra deste novo equipamento, coa idea de convertelo "nun dos mellores equipados da contorna", segundo as palabras de Eva Vilaverde.

"Seguimos traballando en mellorar equipamentos e estruturas, pero tamén en dotalas de innovación como é a instalación deste sistema de turbina que ten unhas prestacións a maiores da seguridade, e que axudarán moito a cubrir certos servizos no ámbito acuático", engadiu a edil nacionalista.