A crise do coronavirus sorprendeu a Sanxenxo coa maioría dos hoteis pechados. Adoita ser así nesta época do ano. Uns poucos tiñan previsto abrir as súas portas coa ponte festiva de San Xosé aínda que a maioría ían facelo en Semana Santa.
Segundo informou o Consorcio de Empresarios Turísticos (CETS) de Sanxenxo, foron os hoteis grandes os que sufriron este impacto.
Así, Augusta, Carlos I e Talaso, xa comunicaron o peche.
Desde o CETS informan que, nestes momentos, en Sanxenxo só estarían a funcionar os apartamentos turísticos e un hostal.
O que si segue aberto en moitos casos é a posibilidade de facer reservas nos establecementos asociados para a Semana Santa a través de Booking, xa que os hostaleiros non pecharon a venda.
A situación é de compás de espera diante do parón total de reservas e esperando ver como evoluciona a situación aínda que os empresarios do sector turístico de Sanxenxo son conscientes de que "a Semana Santa está en serio perigo" e son moitos os hostaleiros que xa decidiron pechar a venda para esas datas.
En canto ao impacto sobre a economía local, a este consorcio de empresarios resúltalle moi complicado medilo neste momento pero admiten que será "moi importante", xa que afecta a contratacións, a ocupación e á "confianza" do viaxeiro, "pero teremos que esperar para ver o alcance final".
Desde o CETS consideran relevante "comezar a estudar e poñer en marcha medidas por parte das diferentes administracións orientadas a garantir que o tecido empresarial siga tendo crédito e financiamento para aguantar os próximos meses".
De feito desde o Consorcio están en contacto tanto co concello como con outras administracións a través da Agrupación industrial de Turismo de Galicia para trasladar estas necesidades do turismo de Sanxenxo.