O conxunto rupestre da Carrasca resultou afectado polas cadeas mecánicas dun tractor

Marín
14 de xaneiro 2017

Xa son catro as entidades que nas últimas semanas amosaron a súa preocupación polas agresións ao patrimonio catalogado existente no monte veciñal da parroquia de San Xulián

Un tractor causou danos na Carrasca
Un tractor causou danos na Carrasca / Defende Monte Pituco

Xa son catro as entidades que nas últimas semanas amosaron a súa preocupación polas agresións ao patrimonio catalogado existente no monte veciñal da parroquia de San Xulián.

A Xunta de Galicia, o Concello de Marín e o Seprona recibiron distintos escritos asinados pola Irmandade Illa de Tambo, a asociación cultural A Forneiriña, o colectivo ecoloxista Luita Verde e Defende o Monte Pituco (Pornedo) denunciando os danos provocados por uns traballos de roza encargados pola comunidade de montes de San Xulián sen sinalización previa dos xacementos e sen supervisión técnica nin arqueolóxica.

Como consecuencia da falta de previsión desas actuacións, o grupo número cinco do conxunto rupestre da Carrasca resultou afectado polas cadeas mecánicas dun tractor, provocando unha visible raspadura na superficie da laxe que contén gravados da Idade do Bronce, clasificados como Ben de Interese Cultural (BIC) de Galicia.

O paso da rozadora tamén causou a rotura doutras pedras de menor tamaño situadas na beira do camiño, a carón dos petróglifos.

Pero ademais, no marco deses traballos tamén estiveron en serio perigo de destrucción os gravados rupestres do Pornedo, outro dos elementos inventariados e catalogados na zona como BIC, xa que as máquinas rozaron o sendeiro que pasa a rente deste xacemento.

O colectivo Defende o Monte Pituco acusa á comunidade de montes de San Xulián como a "primeira responsable desta neglixencia", e sinala que esta acción está tipificada como "infracción grave" na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia que entrou en vigor o pasado mes de agosto. "Mais tamén a Xunta e o Concello teñen responsabilidades directas por non exercer as súas competencias en materia de protección e conservación", engaden.

Luita Verde e Defende o Monte Pituco instaron á Xunta e ao Concello de Marín a esclarecer os feitos e a tomar as medidas oportunas para que non se volva repetir esta lamentable situación.

Arquivado en