O contrato da auga, en cuestión

Pontevedra
15 de febreiro 2018

O goberno municipal defende a "total transparencia" que se está seguindo neste proceso de adxudicación, pero a oposición ten unha visión oposta. Máis aló das voces que pedían recuperar a xestión directa do servizo, critican que unha empresa privada puntuara as propostas técnicas e cuestionan a valoración recibida pola actual concesionaria, Viaqua

Estación de bombeo no río Lérez
Estación de bombeo no río Lérez / Mónica Patxot

130 millóns de euros, a razón de 6,5 millóns anuais durante os próximos 20 anos. É o que cobrará a empresa que, a partir de agora, xestione o servizo de abastecemento de auga e saneamento de Pontevedra. Trátase do contrato máis "suculento" que ten entre mans o Concello e, como era de esperar, a súa tramitación non está a ser nada tranquila. 

O goberno municipal defende a "total transparencia" que se está seguindo neste proceso de adxudicación, pero a oposición ten unha visión oposta. Máis aló das voces que pedían recuperar a xestión directa do servizo, critican que unha empresa privada puntuara as propostas técnicas e cuestionan a valoración recibida pola actual concesionaria, Viaqua.

Lagares Oca foi a empresa que valorou estas propostas, relativas, entre outras cuestións, aos medios humanos e técnicos ou a propia xestión do servizo. Fíxoo, segundo Raimundo González, tras recorrer o Concello a esta vía externa ante a "complexidade" do contrato e sempre " baixo a supervisión" do enxeñeiro xefe municipal.

"É un contrato de moita envergadura", sinalou o edil do BNG, que lembra que só para a redacción dos pregos "os técnicos estiveron traballando un ano".

Nun informe de máis de 300 páxinas, Lagares Oca valora a oferta técnica presentada por Viaqua con 42,75 puntos, sete máis que a segunda, a UTE formada por Espina y Delfín e EC Casas, que recibe 35,24. Pero nalgúns apartados, sinalan desde a oposición, os resultados non son claros e mesmo Viaqua recibe máis puntos do máximo establecido.

Raimundo González recoñece que "pode haber erros" e que mesmo el mesmo "teño detectado algún", cuestións que se corrixirán antes da apertura do sobre coas ofertas económicas, trámite previsto para este venres. "Se os hai, correxiranse", garante o responsable de contratación no goberno municipal.

En todo caso, lembra que a parte técnica supón o 43% da puntuación total do contrato mentres que a oferta económica, que inclúe as melloras que deben propoñer as empresas, puntúa o 57% restante. Por iso é polo que asegure que "non hai nada decidido aínda".

O goberno municipal nega as acusacións de escurantismo, ao lembrar que o informe se lle remitiu a todos os grupos políticos que, como no resto de procesos, poden acudir ás mesas de contratación. Unha vez se celebre a mesa de contratación, ademais, este documento colgarase na web municipal.

"Critícasenos sempre, parece que aquí vale todo", lamentou Raimundo González, que pediu encarecidamente "que deixen traballar" aos técnicos municipais, "que están a facer o seu traballo".

A OPOSICIÓN PIDE PARALIZAR O PROCESO

Ante esta situación, desde a oposición esixe ao goberno municipal que paralice o proceso de contratación, ao entender que un concurso tan importante como o contrato do servizo de saneamento e abastecemento de auga non debe levantar suspicacias de ningún tipo.

O Partido Popular denunciou que a valoración técnica das ofertas realizouna unha empresa privada, Lagares Oca, e que a puntuación outorgada ás empresas sexa resultado de cuestións que dependen de "xuízos de valor" e non de criterios "obxectivos e automáticos".

En opinión dos populares, é "rechamante e estraño" que a puntuación que recibe a actual adxudicataria, Viaqua, sexa máis de sete puntos superior á segunda oferta mellor valorada, o que deixa "case sen relevancia" as propostas económicas que realizasen as empresas.

"Resulta curioso que concorrendo tantas empresas especializadas queden todas tan lonxe de Viaqua", sinala o PP, que advirte que estarán "moi atentos e vixiantes" cun procedemento que "non cheira moi ben".

Os socialistas, pola súa banda, entenden que "é o momento de parar o reloxo e darlle unha volta a todo isto", ao asegurar que este proceso de contratación "ten moi mala pinta" e se continúa nos mesmos termos "pode acabar como o rosario da aurora".

O feito de que unha consultora privada realizara as valoracións das propostas técnicas, segundo Agustín Fernández, "sen o aval dos técnicos municipais", e que a diferenza de puntuación sexa "tan esaxerada", pode poñer "en dúbida" todo o proceso e provocar "recursos masivos" por parte das empresas licitantes.

O portavoz do PSdeG-PSOE lamenta ademais que estea a perder unha "gran oportunidade" para estudar a remunicipalización do servizo.

Tamén desde Cidadáns sumáronse ás críticas. María Rey reclama que o proceso de contratación detéñase e que toda a documentación sexa revisada polos técnicos do Concello para evitar posibles recursos das empresas. 

A edil sospeita que o resultado das valoracións demostra que "se utilizou" á actual concesionaria como "referencia" para as demais puntuacións "e non o estritamente especificado nos pregos".

"O único que se primou é o coñecemento de Viaqua sobre a cidade e iso non é concorrencia competitiva en igualdade de condicións", sinalou María Rey, que critica que en medios materiais ou persoal "puntúase en base á cantidade de recursos dispoñibles, sen saber se son necesarios ou non, o que encarece o custo deste servizo innecesariamente".

Arquivado en