O contrato da auga, a debate o venres nun pleno extraordinario

Pontevedra
12 de marzo 2018

O pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular sobre o proceso de licitación do novo contrato da auga, segundo o Concello, son "ganas de montar barullo", xa que a corporación "non ten competencias" para adoptar medidas que interfiran neste proceso

Jacobo Moreira, no pleno con Lores no fondo
Jacobo Moreira, no pleno con Lores no fondo / Mónica Patxot

O pleno extraordinario solicitado polo Partido Popular sobre o proceso de licitación do novo contrato da auga, segundo o Concello, son "ganas de montar barullo", xa que a corporación "non ten competencias" para adoptar medidas que interfiran neste proceso.

O portavoz do goberno municipal, Raimundo González, anunciou que o alcalde convocou esta sesión para o vindeiro venres 16 de marzo, ás 13.30 horas, a continuación do pleno ordinario deste mes, tras comprobar que "cumpre todos os requisitos".

Aínda que o BNG entende que este asunto "cabería perfectamente" dentro da orde do día do pleno de marzo, González explicou que os nacionalistas aceptan a petición do PP porque para eles é "prioritaria" a participación política da oposición.

Un informe do secretario municipal alerta, con todo, de defectos de forma na solicitude do PP que provocaría que os acordos dese pleno foran "nulos de pleno dereito".

Por unha banda, advirte da "ambigüedade" da súa proposta, ao informar que interpelarán ao alcalde sobre este asunto pero non incluír, como recolle o regulamento do pleno, a pregunta en cuestión. Pero, sobre todo, entende que dous dos tres puntos que o PP pretende aprobar no pleno "invaden competencias da Xunta de Goberno".

Neste sentido, a corporación non pode obrigar -como pretendían os populares- ao goberno municipal a paralizar a licitación do contrato nin tampouco a descartar o informe de valoración técnica redactado pola empresa Lagares Oca.

Os populares, tras coñecer este informe, emendaron estes erros e modificaron a súa proposta, de forma que agora se limiten a instar á Xunta de Goberno a adoptar estas dúas medidas e unha terceira, someter a valoración técnica aos funcionarios municipais sen descartar a asistencia dun comité de expertos neste proceso.

Raimundo González, en todo caso, limitou esta petición ao "debate político" e considera que a fórmula elixida polo PP, a interpelación ao alcalde, é para "ningunear" ao resto da oposición municipal.

Arquivado en