Todos os partidos políticos con representación na Lama aprobaron no pleno da corporación dotar ao Concello de medidas que poidan permitirlle actuar de forma eficiente ante a existencia de cidadáns que abusen de forma indebida do consumo de auga, sobre todo en época de seca estival.
O pleno aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servizo de abastecemento de auga ás parroquias da Lama e Antas, que a dota de elementos disuasorios e cohercitivos para evitar que algúns veciños consuman de forma abusiva a auga da traída municipal, pola que paga unha cantidade anual de 25 euros independentemente do consumo.
Co esta modificación, o Concello poderá sancionar comportamento abusivos con sancións que poderán mesmo levar aparellada multas de entre 50 e 500 euros ou o corte puntual da subministración.
O pleno da Lama tamén aprobou por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal do PSdeG-PSOE para pedir á Xunta de Galicia a urxente posta en marcha do proxecto de reforma da estrada que une as parroquias de Antas e Seixido.
O alcalde, Jorge Canda, explicou que a Xunta xa lle reclamara a recollida de firmas de cesión dos propietarios dos terreos afectados polo proxecto cuxo traballo se estaba xa realizando e que en breve presentarase ante a administración autonómica.
Igualmente unánime foi o acordo para solicitar un crédito extraordinario duns 125.000 euros para a adquisición dun camión novo para o servizo de recollida de lixo e 13.000 euros para facer fronte ao Plan Concellos, que serán financiados sen intereses a través da Caixa de Anticipos de Cooperación Provincial, dependente da Deputación e que se amortizará, en 15 anos, a razón duns 8.300 euros anuais.
O concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal Malleiro, transmitiu a súa queixa e a dos hostaleiros da vila pola presenza do bar da comisión de festas na Festa do Codillo ao consideralo "competencia desleal" e a súa intervención deu lugar a un enfrontamento directo co alcalde, que lle lembrou que cando estivo de presidente dos festexos de San Cristóbal non tivo problema algún en situar un bar na Alameda durante sete anos consecutivos.