O Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra ofrece sección bilingüe en portugués para este próximo curso

Pontevedra
19 de agosto 2024

A Xunta acaba de publicar no DOG a aceptación da solicitude realizada polo centro pontevedrés, que como proxecto experimental, é voluntairo para o alumnado  

Entrada do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra
Entrada do Conservatorio de Música Manuel Quiroga de Pontevedra / Conservatorio de Música Manuel Quiroga

O Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra ofrece para este próximo curso académico 2024/25 sección bilingüe en portugués, tal e como recolle a Orde da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no DOG deste luns 19 de agosto. 

Desta forma o centro pontevedrés intégrase ao programa de seccións bilingües en ensinos artísticos que ofrece a Xunta de Galicia. A oferta académica está dirixida ao alumnado de grao elemental ou grao profesional de música e ten carácter voluntario. O número de alumnos mínimo para desenvolver esta sección bilingüe é o mesmo que se establece para impartir en galego.

Este programa de seccións bilingües en ensinos artísticos xustifícase na proxección internacional formativa e profesional que estas teñen, de forma que se facilita ao alumnado dos conservatorios a súa posterior integración en centros de estudos nacionais e estranxeiros, ampliando as súas posibilidades de proxección e inserción laboral.

A incorporación a esta sección bilingüe require autorización escrita do pai, nai ou titor legal, en caso de ser menor de idade. Ao final do curso académico, o alumnado participante obterá unha cualificación positiva na materia obxecto da sección bilingüe, recibindo unha credencial oficial expedida polo centro, que quedará reflectida no seu expediente académico.